Hoxe é Venres 17 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O obradoiro “Con barqueira e remador” regresa a Illa de San Simón

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O Obradoiro de traducción poética arrancaba este luns na súa décimo segunda edición. Organizado pola Dirección Xeral de Cultura desenvolverase ata este sábado 14 de outubro baixo a dirección da poeta e xestora cultural Yolanda Castaño.

A iniciativa presentouse ante os medios da man da Premio Nacional de Poesía 2023 e a cabeza da citada Dirección Xeral da Xunta, Anxo M. Lorenzo, contando este ano con linguas coma o polaco, o romanche, o romanés, o estoniano, o éuscaro e o galego. Nelas se desenvolven as seis persoas participantes, expertas nos campos da creación e a tradución poética, que chegan respectivamente dende Cracovia, a Alta Engadina, Transilvania, Tartu, Navarra e A Coruña.

Os participantes nesta edición son Marta Eloy Cichocka, Jessica Zuan, Corina Oproae, Kai Aareleid, Castillo Suárez e, facendo as veces dun certo embaixador lingüístico, literario e cultural de noso, o residente no Corgo Xabier Cordal. Das súas mans se completará unha roda na que cada quen traduce as súas cinco compañeiras para o seu idoma.

Este obradoiro intensivo, colectivo e recíproco enriquecerase con dous recitais poéticos que levarán os versos e o traballo desenvolvido ata o público de Pontevedra o mércores 11 ás 19h e o de Vigo o xoves 12 ás 19:30h.

Así, nestas dúas lecturas poéticas multilingües soarán os poemas orixinais seguidos das versións para o galego que Cordal está a preparar durante as sesións matutinas do obradoiro na illa.

Na iniciativa volve colaborar tamén este ano a Dirección General del Libro, del Cómic y de la Lectura do Ministerio de Cultura, ademais doutras entidades colaboradoras coma o Concello de Pontevedra, Kultuurkapital ou a Deputación Provincial de Pontevedra, que cada ano publica os froitos dos obradoiros de tradución do ano anterior.

Pola súa banda, e unha vez de volta nos países de orixe logo do traballo en Galicia, as visitantes darán a coñecer os resultados en revistas especializadas, magazines literarios ou publicacións colectivas, completando o círculo dun proxecto singular que contribúe á divulgación dun xénero como a poesía en linguas dende masivas a minorizadas, sen estado ou en risco de extinción, mentres enriquece o patrimonio de poéticas contemporáneas para a nosa lingua.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará