A fórmula da mesa redonda busca unha maior participación do público
Unha charla coloquio organizada dende a Concellería de Sanidade que busca dar ferramentas aos asistentes para detectar e abordar este tipo de condutas. A edil de Sanidade, Pilar Martínez salienta a importancia de que toda a sociedade se implique nunha problemática de primeira orde e convida a veciñanza a achegarse a este acto “participativo e para todos os públicos” que se vai desenvolver no Multiúsos da Xunqueira hoxe martes ás 19:30 horas co gallo do día Internacional da Saúde Mental.
Son moitos os retos e necesidades que formula o problema do suicidio en nenos, nenas e adolescentes. Para afondar nestas cuestións dende a Concellería organizan esta mesa redonda que busca poñer sobre a mesa os indicios antes os cales debemos estar alerta así como o xeito de actuar ante unha posible conduta que poida derivar en suicidio.
Unha problemática de primeiro orde que afecta a todas as idades. De feito o estudo publicado polo Barómetro Xuvenil sobre Saúde e Benestar pon de manifesto que o 49% dos mozos entre 15 a 29 anos pensaron algunha vez en quitarse a vida. Afortunadamente a maior parte dos casos é algo ocasional, pero tamén é certo que non últimos anos vívese unha epidemia de suicidios entre os adolescentes. Así o constatan os datos que establecen que no 2022 quitáronse a vida 212 menores de 25 anos. Esta realidade enmárcase nun aumento enorme de mozos e mozas que admiten problemas de saúde mental.
Insiste Martínez en que é preciso traballar neste asunto de xeito integral “familias, persoal médico, psicólogos, profesores, servizos sociais teñen que dar resposta e axudar a atopar recursos que eviten unha decisión dramática. É necesario ter dispositivos de atención e procedementos áxiles que detecten e traten síntomas e situacións que poidan conducir a condutas autodestrutivas”. Neste sentido insiste na necesidade de involucrar aos centros de saúde en primeiro lugar pero tamén aos centros educativos e a todos os colectivos e asociacións que traballan con menores para tentar atallar un problema de tanta relevancia.
Neste sentido dende o Concello tamén esixen ao Sergas que incorporen aos Centros de Saúde psicólogos que poidan atender a todas esas persoas que chegan a atención primaria afectados por algún problema de saúde mental e que teñen que esperar ata un ano para unha primeira cita. Tempos que dende o propio Colexio oficial de Psicoloxía de Galicia cualifica de inasumible.









