O mal tempo non impediu que veciños e veciñas de Redondela volvesen concentrarse ás portas do Concello para reclamar máis medios e profesionais na sanidade pública. A mobilización, convocada pola plataforma en defensa da sanidade pública, serviu para denunciar as carencias que continúa a sufrir a atención sanitaria na vila e na comarca, especialmente na Atención Primaria, e para esixir solucións ante unhas listas de agarda que cualifican de interminables.
A protesta estivo marcada tamén polas referencias á convocatoria electoral do vindeiro 29 de novembro. Durante a concentración, os asistentes lembraron que a defensa da sanidade pública debe estar por riba de calquera goberno, baixo o lema: «Goberne quen goberne, a sanidade non se vende».
Un dos principais motivos de preocupación é a situación do centro de saúde de Redondela. A quenda de tarde recuperouse recentemente, despois de varios meses sen prestar este servizo, pero a plataforma denuncia que a reapertura se está a realizar con menos persoal do que había anteriormente. Dos tres médicos que atendían neste horario, agora só hai dous. Ademais, ao traballar con quendas deslizantes, a súa presenza nas tardes non está garantida e mesmo nesta semana houbo varios días nos que o servizo permaneceu pechado.
A esta situación súmase a ausencia de dous médicos por baixas de longa duración que non están sendo substituídos. Unha falta de profesionais que repercute directamente na atención aos pacientes, que continúan a sufrir demoras de ata vinte días para conseguir unha cita médica.
A situación presenta, con todo, algunhas notas positivas nos centros de saúde de Fornelos e Pazos. Segundo lembrou a plataforma, ambos experimentaron unha mellora e está previsto que Fornelos recupere o médico de reforzo a partir de mediados deste mes.
No manifesto lido durante a concentración, a Asemblea insistiu na necesidade de manter a mobilización cidadá para frear o que consideran un «desmantelamento progresivo e sistemático» do sistema sanitario público. Entre os problemas sinalados figuran o incremento das listas de agarda, a falta de profesionais, o peche de camas hospitalarias e o aumento constante dos recursos destinados á sanidade privada.
A plataforma advertiu de que a falta de facultativos nos centros de saúde e as demoras na atención teñen consecuencias directas sobre a saúde da poboación. Por iso, reclamou á Xunta un acceso á atención sanitaria máis áxil e eficiente, cunha Atención Primaria dotada dos recursos necesarios para resolver os problemas de saúde e evitar que as demoras acaben provocando o colapso do conxunto do sistema.
Outra das reivindicacións centrais foi a necesidade de reforzar a atención á saúde mental, unha das áreas que consideran máis desatendidas nun contexto de aumento das patoloxías e de necesidades asistenciais cada vez máis urxentes.
A concentración tamén serviu para expresar o apoio á folga xeral convocada para este mércores 11 de novembro, unha mobilización que, segundo se lembrou durante a protesta, naceu «de abaixo cara arriba» tras o dramático desafiuzamento de Maricarmen e o seu posterior falecemento.
Os asistentes destacaron que esta convocatoria, a primeira folga xeral en catorce anos, incorpora entre as súas reivindicacións a defensa duns servizos públicos de calidade, entre eles a sanidade.
A mobilización terá tamén a súa expresión en Redondela cunha concentración convocada para este mércores ás 12:00 horas na praza do Concello. Desde a plataforma fixeron un chamamento á participación cidadá para continuar defendendo unha sanidade pública, universal e dotada dos recursos humanos e materiais necesarios.













