O cabeza de cartel do PSdeG-PSOE ao Congreso aproveitou o encontro enmarcado na precampaña de cara ao 29N para advertir “aos máis de 250.000 pensionistas da provincia do risco de poñer o sistema de pensións nas mans da dereita”. Asegurou que co seu partido no goberno as pensións continuarán actualizándose co IPC e seguirán sendo 100% públicas e lembrou que “dende que Pedro Sánchez é presidente do goberno as pensións aumentaron un 48%”.
O candidato socialista, acompañado por Digna Rivas, recalcou que a Seguridade Social é unha das grandes conquistas da Democracia española e advertiu de que só cun Goberno progresista, liderado polo PSOE, está garantida a sostibilidade do sistema e tamén que as pensións continúen actualizándose anualmente co IPC.
Abel Losada relacionou as pensións co mercado da vivenda e recordou que os mesmos “fondos boitre” que puxeron as súas garras no mercado inmobiliario anhelan agora o botín das pensións, algo que insistiu “non podemos permitir”.
As pensións deben seguir sendo 100% públicas, “e xa sabemos que o PP é especialista en privatizar servizos esenciais ao mesmo tempo que di que seguen sendo públicos”. Ademais, teñen que seguir actualizándose o mesmo que “sube a vida”, insistiu o candidato socialista.
“Na nosa provincia hai máis de 250.000 persoas que viven dunha pensión contributiva e que, despois de moitos anos cotizando teñen dereito a que se lle garanta unha pensión vida o resto da súa vida e que non se entregue o patrimonio da Seguridade Social aos buítres que xa se ven no horizonte da man de PP e Vox”.
Abel Losada invitou a comprobar os datos publicados, que acreditan que, dende que Pedro Sánchez é presidente do Goberno, a pensión media de xubilación pasou dos 956,5€ con Rajoy aos actuais 1.416 euros. A pensión media por viuvez estaba en 2018 en 576,8 euros e hoxe alcanza unha media de 870,3 euros. A pensión media por orfandade estaba en 366,7 euros con Rajoy e pasou co goberno do PSOE a 545,7 euros. A pensión media en favor de familiar estaba co PP en 502,2 euros e hoxe está en 770,7 euros. A pensión por incapacidade permanente estaba nunha media de 841,6 euros e hoxe está en 1.141,1 euros. No conxunto de tódalas modalidades de pensións contributivas a pensión media na provincia pasou de 829,5 euros en 2018 a 1.228,6 euros que se cobran agora. Unha suba dun 48,1%.









