Hoxe é Luns 9 de Novembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco recupera o pulso cunha vitoria pola mínima ante o Mos

WhatsApp Image 2026-11-09 at 11.50.08

O CD Choco volveu á senda da vitoria cun triunfo por 1-0 fronte á UD Mos no Campo Municipal de Santa Mariña. Un resultado importante para os redondeláns, que precisaban sumar os tres puntos despois de dúas semanas de resultados negativos e que lles permite continuar na loita polo liderado de Primeira Galicia, empatados a 24 puntos co Colegio Hogar.

O único tanto do encontro chegou no minuto 27, obra de Alex Gil, que aproveitou o bo inicio dos locais para adiantar o seu equipo. Segundo explicou o adestrador do Choco, Fernando Boubeta, os seus xogadores tiveron o control do balón desde os primeiros compases e xeraron varias ocasións antes de marcar. Tras o gol, o equipo mantivo o dominio e apenas concedeu oportunidades ao conxunto visitante.

Na segunda metade mantívose a mesma dinámica, cun Choco que levou a iniciativa e dispuxo das ocasións máis claras para ampliar a vantaxe. Entre elas, destacou un man a man que resolveu o porteiro do Mos e o posterior rexeitamento, que acabou estrelándose no poste. Con todo, os visitantes tamén estiveron preto de estragar a festa local no último minuto, cun remate que bateu no traveseiro e que puido supoñer o empate.

Boubeta cualificou o triunfo de “moi importante e necesario” para poñer fin á mala dinámica das últimas dúas semanas e considerou xusto o resultado polo dominio e as oportunidades xeradas polo seu equipo. A vitoria permite ao Choco seguir na parte máis alta da clasificación. Na próxima xornada, os redondeláns visitarán o Caselas CF en Salceda.

Primeira Galicia – Grupo 5

CD Unión 2-0 CD Arcade

 O Arcade non puido puntuar na súa visita ao campo do Unión. A pesar da derrota, mantense na terceira posición da clasificación con 20 puntos. O próximo compromiso será no campo do Salgueirón, onde recibirá o Marcon Atlético.

CD Soutomaior 4-1 Caldas CF

Mellor lle foron as cousas ao Soutomaior, que remontou ante o Caldas para acabar impoñéndose con claridade. Despois de comezar por detrás no marcador, o equipo reaccionou cunha gran segunda parte. Sergio, Iván, Víctor Tadeo e José Carlos foron os autores dos goles. O club destacou especialmente a actuación de Iván, que continúa coa súa boa xeira goleadora. Na próxima xornada visitará o CD Team Sport Estrada.

Segunda Galicia – Grupo Pontevedra

Noalla SD 3-0 CD Cesantes

 O Cesantes perdeu na súa visita ao Noalla. O conxunto redondelán queda con 10 puntos, na novena posición da táboa. A próxima xornada recibirá o SD Romay.

Atlético Villar 0-3 UD Santa Mariña

 O Villar, no Grupo Vigo da Segunda, tampouco puido puntuar, ao caer na casa ante o Santa Mariña. O equipo suma seis puntos e ocupa a parte baixa da clasificación. Na seguinte xornada visitará o Mondariz CF.

Terceira Galicia

Chapela CF 7-1 Club Apóstol Santiago

A nota máis destacada da categoría foi a goleada do Chapela no Campo Municipal de Parada. Os locais dominaron o encontro de principio a fin. Diego Pascual, Diego Covelo, con dous tantos, e Antoni Silva, autor de catro goles, asinaron a goleada. O Chapela sitúase quinto con 20 puntos e na próxima xornada visitará o Celta 360 B.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará