Hoxe é Luns 9 de Novembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Un detido e dous policías feridos leves tras unha persecución policial iniciada en Chapela

persecución

O condutor fuxiu a gran velocidade tras saltarse un control policial na parroquia de Chapela. Circulou en sentido contrario, saltou varios semáforos en vermello e chegou a colidir contra un vehículo policial. Dous axentes da Policía Local de Redondela resultaron feridos leves. Na persecución, que se prolongou durante 15 minutos por estradas de Redondela e Vigo, participaron ata dez patrullas da policía local e nacional.

Un operativo conxunto da Policía Local de Redondela e da Policía Nacional, establecido na madrugada do sábado en Chapela para previr roubos e controlar o consumo de alcol e drogas ao volante, rematou coa detención dun condutor por presuntos delitos de condución temeraria, atentado contra axentes da autoridade e danos.

Os feitos producíronse arredor da 1.00 horas, cando o condutor fixo caso omiso das indicacións policiais para deter o vehículo. Pola contra, acelerou bruscamente e obrigou a un axente da Policía Local de Redondela a apartarse para evitar ser atropelado.

A partir dese momento iniciouse unha persecución que se prolongou durante aproximadamente 15 minutos e na que o vehículo protagonizou unha fuxida de extrema perigosidade polas rúas de Chapela e Vigo.

Durante o percorrido, o condutor circulou en sentido contrario, mesmo con vehículos que viñan de fronte, e a gran velocidade tanto por vías secundarias como principais. Ademais, saltou numerosos semáforos en vermello nas zonas da Travesía de Vigo, Anxel de Lema e avenida de Redondela.

Ante a gravidade da situación, incorporáronse ao dispositivo ata dez patrullas da Policía Local de Vigo e da Policía Nacional, que prestaron apoio aos axentes de Redondela para tratar de interceptar o vehículo.

A fuxida concluíu despois de que o vehículo sufrise varias saídas de vía, tanto no termo municipal de Redondela como no de Vigo, e chegase a embestir un coche patrulla da Policía Local.

Tras deter a marcha, o condutor tentou escapar a pé, pero foi finalmente interceptado, reducido e detido polos axentes da Policía Local de Redondela.

Como consecuencia da intervención, dous policías locais de Redondela resultaron feridos leves e tiveron que recibir asistencia sanitaria no Hospital Álvaro Cunqueiro.

Unha vez detido, o home foi trasladado ás dependencias da Policía Nacional. Ademais, foi proposto para sanción administrativa tras dar positivo nas probas de detección de drogas.

Tamén foi denunciado por tenza de sustancias estupefacientes, coa correspondente proposta de sanción ante a Subdelegación do Goberno.

A Policía Local de Redondela quixo agradecer publicamente a rápida resposta, a colaboración e a coordinación da Policía Local de Vigo e da Policía Nacional durante o operativo, fundamentais para poñer fin á persecución e garantir a seguridade dos axentes e do resto dos usuarios da vía.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará