O Multiusos da Xunqueira acolle do 6 ao 20 de novembro a exposición «Anxos de Gaza», do artista tudense Carlos Lago, coñecido como «O Terser Home», unha mostra que convida á reflexión sobre a realidade que viven as nenas e os nenos palestinos en Gaza. A inauguración terá lugar o venres ás 19:30 horas, e contará coa participación especial de Eduardo R. Cunha, «Tatán», e do contacontos e músico Antón Ke, que acompañarán ao autor neste encontro coa veciñanza.
A exposición enmárcase nas actividades de «Tres anos na rúa por Palestina» do Colectivo Pro-Palestino de Redondela e reúne unha serie de debuxos realizados polo artista a partir de fotografías publicadas na prensa que retratan o sufrimento da infancia palestina. Un traballo artístico que naceu hai ano e medio da impotencia ante o que estaba a acontecer e como un xeito de dar visibilidade a masacre á que están sometidos os e as palestinas. A día de hoxe son preto de 200 imaxes que serven para lembrar que “eses nenos e nenas están aí e que seguen sufrindo sen que ninguén faga nada”.
A través destes rostros e, especialmente, das súas olladas, Carlos Lago busca poñer cara ao horror que padece a diario a poboación palestina. O artista insiste na necesidade de que a arte tamén se posicione “non se pode ser neutral cando están asasinando nenos, cando estamos ante un xenocidio”.
As imaxes orixinais son fotografías tomadas polos medios palestinos e polas ONGs que traballan na zona xa que os xornalistas estranxeiros teñen prohibido entrar en Gaza. Lago traslada esas imaxen ao lenzo e a través dos seus debuxos pon de manifesto o horror que vive a infancia palestina.
A veciñanza está convidada a visitar «Anxos de Gaza» no Multiusos da Xunqueira entre o 6 e o 20 de novembro.










