O novo espazo sitúase nunha zona de elevada demanda, próxima ao Centro de Saúde, á Garda Civil, á Oficina de Turismo e a numerosos establecementos hostaleiros e permitirá incrementan en 50 prazas o número de estacionamentos no centro urbano. O goberno local afirma que dende o inicio do mandato sumaron case 200 novas prazas de aparcamento.
O Concello de Soutomaior habilitará nos vindeiros días un novo aparcamento no núcleo da Feira, en Arcade, con capacidade para máis de 50 vehículos. Trátase dunha actuación nunha zona de especial demanda de estacionamento, pola súa proximidade a servizos e equipamentos públicos como o Centro de Saúde, o cuartel da Garda Civil e a Oficina de Turismo, ademais da presenza de numerosos establecementos hostaleiros.
O goberno local saca peito dunha actuación que permite “seguir avanzando na política de creación de aparcamentos disuasorios, unha das principais liñas de actuación para favorecer a mobilidade, mellorar a circulación e facilitar o acceso aos servizos e comercios do municipio”.
O alcalde, Manu Lourenzo, destacou que «o aparcamento era un dos principais problemas de Arcade e un dos grandes retos deste Goberno foi sempre buscar espazos e mellorar as zonas de estacionamento do noso concello. Neste sentido agradeceu “a xenerosidade da veciñanza que cede gratuitamente as súas parcelas para poñelas ao servizo de todo o municipio».
Lourenzo subliñou que Arcade dispón na actualidade de preto de 400 prazas de aparcamento a menos de cinco minutos do seu núcleo urbano, tomando como referencia a Alameda de Talo Río. Unha rede de espazos que, xunto coa implantación da zona azul e a creación de aparcamentos disuasorios, está a contribuír a resolver un problema que durante anos condicionou a mobilidade e a actividade comercial e social da vila.









