Hoxe é Sábado 31 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela avanza na peonalización do Casco Vello coa aprobación dunha nova ordenanza

Cámara Praza Constitución.3cd36b32-2c7e-44e0-b6ed-d857c5867873

O Concello de Redondela dá un novo paso cara á peonalización do casco histórico coa aprobación inicial da ordenanza que regulará as restricións de tráfico nesta zona. A normativa saíu adiante cos votos a favor do goberno local -PSOE e AER- e do BNG, quen defenderon a necesidade da normativa para avanzar cara unha mobilidade máis segura e que axude a preservar o patrimonio. O Partido Popular votou en contra ao considerar que a medida provocará problemas na circulación e que non está enmarcada nun plan global da mobilidade na vila. A ordenanza contempla limitar o acceso aos vehículos autorizados e reforzar o control mediante cámaras. Unhas cámaras instaladas en varios puntos dende hai máis dun ano e que permitirán agora verificar que só circulan os coches autorizados xa que identificarán as matrículas.

A semipeonalización do casco histórico de Redondela dá un novo paso coa aprobación inicial da ordenanza que regulará o acceso dos vehículos a esta zona da vila. Unha medida que afecta a rúas como a Praza da Constitución, Telmo Bernárdez e Figueiral, pero tamén a Esfarrapada, Loureiro, Cruceiro, Picota, Espírito Santo, Prata, Meixón Frío, Reveriano Soutullo e Isidoro Queimaliños, entre outras.

O obxectivo é reducir o tráfico rodado, mellorar a seguridade dos peóns e preservar o patrimonio histórico nunha zona moi transitada, que forma parte tamén do Camiño de Santiago e pola que pasan diariamente numerosos peregrinos.

A ordenanza establece que poderán acceder os residentes, cun máximo de dous vehículos por domicilio, así como os propietarios ou arrendatarios dunha praza de estacionamento na zona. Tamén estarán autorizados os comerciantes e hostaleiros, os vehículos de servizos públicos e os destinados á carga e descarga e ao reparto a domicilio. Contémplanse ademais autorizacións excepcionais para persoas que necesiten acceder para atender familiares residentes ou por outras necesidades puntuais xustificadas.

O sistema permitirá controlar os accesos mediante cámaras de identificación de matrículas, co obxectivo de evitar incumprimentos das restricións de tráfico que, segundo o goberno local, se veñen producindo de maneira reiterada malia as limitacións existentes desde hai anos.

A aprobación é inicial, polo que se abre agora un período dun mes para presentar as alegacións que se consideren oportunas.

Desde o goberno local defenden que esta actuación debe entenderse como un proxecto integral para recuperar o espazo público e avanzar cara a un modelo de mobilidade máis sostible. A concelleira socialista Rita Pérez insiste en que a prioridade é protexer o casco histórico e garantir unha circulación máis segura.

Rita Pérez, PSOE

Desde AER lamentan que fose necesario chegar a unha regulación destas características pola falta de civismo dalgúns condutores que “incumpren reiteradamente as prohibicións de circulación existentes”. O edil considera necesario dispoñer de mecanismos que permitan sancionar estes comportamentos e avanza que a súa formación aposta por ampliar no futuro a semipeonalización a outras zonas, como o paseo da Xunqueira.

Roberto Villar, AER

Pola súa banda, o BNG tamén apoia a ordenanza, aínda que critica a forma na que o goberno local xestionou este proceso. Os nacionalistas reprochan que se anunciase a medida publicamente hai máis dun ano sen contar daquela cunha ordenanza que lle dese cobertura legal á restrición do tráfico.

Malia estas críticas, Xoán Carlos González considera necesario recuperar o casco histórico para a veciñanza e para a actividade comercial e hostaleira. Por iso, insta o executivo a acompañar esta actuación cun plan de dinamización que contribúa a revitalizar a zona.

Xoán Carlos González, BNG

O Partido Popular foi o único grupo que votou en contra. Os populares aseguran compartir a necesidade de protexer o casco histórico, pero cuestionan que se avance a base de prohibicións sen abordar antes os problemas de circulación que, ao seu xuízo, padece Redondela “cun caos diario e unha mobilidade cada día máis complicada”.

O concelleiro David Muiños puxo como exemplo “da falta de planificación e a ausencia dun plna de mobilidade” o proceso desenvolvido na rúa Pai Sarmiento, que, segundo afirma, acabou complicando a circulación e mesmo dificultando o paso das persoas con mobilidade reducida pola colocación de bolardos.

David Muíños, PP

A semipeonalización do casco histórico enmárcase nun proceso de restrición progresiva do tráfico que explicaron os socialistas “xa iniciara o PP no ano 2012”. O goberno local defende agora unha regulación integral, con maiores garantías de control e lembran que se trata dunha tendencia en liña con outros municipios da contorna como Vigo, Cangas, Baiona, Tui ou O Porriño.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará