A pista deportiva da Xunqueira pasa a denominarse oficialmente Pista da Xunqueira Generoso Muíños Reboredo, tras a aprobación por unanimidade da proposta no Pleno celebrado hoxe. Todas as formacións políticas destacaron a traxectoria e a dedicación desinteresada de Gene Muíños ao deporte local, promotor do Mundialito de fútbol sala e referente durante décadas na formación de novas xeracións. Un recoñecemento que busca preservar a memoria dunha persoa estreitamente vinculada á historia deportiva de Redondela.
A iniciativa xurdiu a partir dunha proposta de Héctor Quijeiro, veciño moi vencellado ao mundo do fútbol redondelán, e contou co apoio de numerosas entidades e clubs deportivos do municipio. Durante o debate plenario, as distintas formacións políticas coincidiron en destacar a dedicación altruísta de Generoso Muíños e a súa contribución ao desenvolvemento do deporte afeccionado e comunitario.
O obxectivo, segundo explicou a voceira do PSOE, Rita Pérez, é render homenaxe ao creador do histórico Mundialito de Fútbol Sala da Xunqueira, unha competición que transcendeu o ámbito deportivo para converterse nunha das citas sociais máis destacadas do verán en Redondela. Cualificou a iniciativa como un recoñecemento xusto á traxectoria dun profesor, adestrador e promotor deportivo, coa vontade de que o seu labor permaneza na memoria colectiva da vila.
O edil de AER, Roberto Villar definiu a homenaxe como un recoñecemento en vida «máis que merecido» para unha persoa que marcou unha época e que dedicou décadas de maneira desinteresada ao deporte como o demostra o feito de que “fales con quen fales de Redondela todo o mundo apoia esta homenaxe”.
Pola súa banda, Xoán Carlos González dende o BNG puxo o foco na estreita vinculación de Muíños co ensino marcando xeracións de nenos e nenas que pasaron polas súas aulas sen esquecer esa vinculación coa pista da Xunqueira, onde desenvolveu unha parte fundamental do seu labor deportivo. Ademais, destacou outra faceta menos coñecida que se fixo pública nos últimos tempos: a súa afección polas maquetas, que lle permitiu reproducir Redondela en miniatura cun extraordinario nivel de detalle como se puido ver en dúas exposición no Multiúsos.
O popular Javier Bas repasou tamén a súa ampla traxectoria persoal e profesional. Lembrou que Muíños dedicou máis de 40 anos ao ensino, formando centos de alumnos e alumnas de Redondela, e que previamente destacara como xogador de fútbol, chegando a formar parte da selección galega xuvenil. Posteriormente, desenvolveu un importante labor como adestrador, organizador e promotor deportivo, con especial protagonismo na creación e consolidación do Mundialito da Xunqueira. Bas referiuse igualmente á súa paixón polas maquetas, elaboradas con agarimo e gran precisión, unha afección que reflicte tamén a súa vinculación coa vila.
Coa aprobación unánime da proposta, rédese unha homenaxe pública a unha traxectoria marcada polo ensino, o fútbol sala e a promoción do deporte de base, pero tamén polo impulso dunha competición que, ao longo de máis de catro décadas, se converteu nunha tradición compartida por varias xeracións de redondeláns.









