Hoxe é Luns 26 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Nace “Cooltura Hiperactiva”, unha asociación que busca tender pontes entre xeracións a través da cultura

cooltura horizontal

Redondela conta cunha nova iniciativa cultural. Cooltura Hiperactiva é unha asociación independente e sen ánimo de lucro que nace co obxectivo de ampliar a oferta cultural e de lecer da comarca, combinando a tradición e a identidade local con novas formas de aprender, gozar e relacionarse promovida por Omar Caride. A asociación cultural prepara as súas primeiras actividades para novembro, con propostas que van desde charlas sobre problemas sociais ata rutas polo territorio e unha liga de deportes electrónicos.

O colectivo aposta por organizar actividades que recuperen espazos de encontro e promovendo propostas accesibles e participativas nas que poidan compartir experiencias persoas de distintas idades.

Un dos seus principais obxectivos é implicar a mocidade, especialmente as persoas de vinte e trinta anos, que, segundo explican desde a asociación, adoitan quedar nunha especie de «terra de ninguén» e participar menos nos movementos culturais ca as xeracións de maior idade.

Omar Caride,

A intención é achegarlles a cultura tradicional e dar continuidade ao legado local, pero incorporando tamén novas perspectivas e elementos propios da época actual. Deste xeito, Cooltura Hiperactiva busca romper as barreiras xeracionais e favorecer o intercambio entre persoas con diferentes experiencias e intereses.

A asociación preséntase, ademais, como un espazo aberto a calquera persoa que queira achegar ideas e participar, sen importar a súa idade ou realidade persoal.

Entre as propostas nas que xa está a traballar o colectivo figuran a organización de charlas sobre temas de interese social. Un dos asuntos que prevén abordar é o bullying, mediante encontros nos que participen tanto profesionais especializados como persoas que viviron esta problemática en primeira persoa, co propósito de ofrecer diferentes perspectivas e achegar estas cuestións á comunidade.

Outra das liñas de actividade pretende dar a coñecer a contorna de Redondela a través de propostas que combinen a actividade física co patrimonio inmaterial. A idea é organizar actividades para descubrir lugares do territorio e, ao mesmo tempo, recuperar e divulgar as lendas e historias vinculadas a eles.

A programación tamén busca incorporar novas formas de ocio, como a posta en marcha dunha liga de deportes electrónicos, unha iniciativa coa que a asociación pretende ampliar as posibilidades de participación e conectar con públicos que non sempre atopan o seu espazo na oferta cultural tradicional.

Estas propostas súmanse á vontade de organizar eventos, concertos e actividades escénicas, así como talleres, cursos e espazos de creación compartida nos que os coñecementos poidan transmitirse entre persoas.

Cooltura Hiperactiva confía en comezar a desenvolver as súas primeiras actividades no mes de novembro. A información sobre as iniciativas e as convocatorias irase difundindo a través das súas redes sociais, especialmente no perfil de Instagram @coolturahiperactiva.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará