A Asociación Cultural Alén Nós solicita ás forzas políticas representadas no Pleno que impidan a substitución do nome da pista deportiva da Xunqueira polo de Generoso Muíños Reboredo. A entidade pide retirar a proposta anunciada polo Concello e manter a denominación tradicional da instalación. Lembran que o topónimo A Xunqueira forma parte da memoria colectiva da vila e que a súa presenza no nome da pista garante un uso público e cotián deste patrimonio. Alén Nós pide unha fórmula que permita honrar a indiscutible traxectoria de Gene Muíños e conservar ao mesmo tempo o topónimo da Xunqueira.
Os nomes de lugar consérvanse usándoos. A asociación lembra que os topónimos necesitan seguir presentes na fala, nos rótulos e nas denominacións oficiais para transmitírense ás novas xeracións e retirar A Xunqueira da denominación da pista suporía perder unha referencia que une este espazo coa historia de Redondela.
A toponimia tradicional funciona como un arquivo histórico, lingüístico e ambiental insubstituíble que se perde ao impoñer un nome propio moderno. Os nomes de persoa, en cambio, están suxeitos a circunstancias ou valoracións dun momento determinado.
A contribución de Generoso Muíños ao deporte local pode recoñecerse cunha placa ou con calquera outro elemento conmemorativo de referencia que se considere axeitado, así como cun acto público ou unha distinción municipal. Alén Nós pide unha fórmula que permita honrar a súa traxectoria e conservar ao mesmo tempo o topónimo da Xunqueira.
A petición apóiase na Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia, que recoñece a toponimia como patrimonio cultural inmaterial. A entidade lembra tamén que as resolucións das Nacións Unidas recomendan evitar cambios innecesarios de nomes e promover a salvagarda do patrimonio toponímico.
A asociación Alén Nós reclama, ademais, coherencia co compromiso expresado polo propio Concello de Redondela en febreiro de 2025, cando destacou a incorporación da toponimia ao catálogo patrimonial do PXOM, daquela aprobado inicialmente e solicita que o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela emita un informe sobre o valor patrimonial do topónimo A Xunqueira e a necesidade de preservar o seu uso na denominación da pista, para que esa valoración técnica se teña sempre en conta antes de adoptar calquera decisión.
Por estas razóns, pide que se conserve o nome toponímico da pista e que, se a proposta de substitución chega a votarse, os grupos municipais voten en contra. Alén Nós propón tamén a adhesión do Concello á declaración A toponimia como patrimonio, actualizada pola Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica en 2019.









