Hoxe é Mércores 28 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Soutomaior celebra tres días de Samaín con obradoiros, pasarrúas e experiencias terroríficas

samainsouto foto

O Concello presenta unha programación especial para os días 30 e 31 de outubro e 1 de novembro con actividades familiares, tradición e propostas de misterio. Unhas propostas que combinan obradoiros, scapes rooms, pasarrúas, luminarias de calacús e experiencias inmersivas. A campaña ‘Escaparates de Samaín 2026’ busca tamén dinamizar o comercio e a hostalería local.

A programación comezará o venres 30 de outubro, de 17.00 a 20.00 horas, coa escape room familiar A pócema do Samaín, na Praza de Abastos de Arcade. A actividade será gratuíta, con 90 prazas distribuídas en quendas de 20 minutos, e estará dirixida a público a partir dos catro anos.

O sábado 31 de outubro concentrará boa parte das actividades na zona de Cima de Vila e Talo Río, en Arcade. De 17.30 a 19.30 horas celebraranse obradoiros de amuletos de protección, colares de zonchos e talla de calacús, unha oportunidade para achegar ás tradicións e á simboloxía da Noite de Defuntos.

Entre as 18.30 e as 19.15 horas terá lugar a inscrición para participar nas Luminarias de Ánimas, unha iniciativa colectiva que busca encher de luz a celebración mediante calacús tallados e decorados pola veciñanza. As persoas participantes recibirán o pin ‘Garda da Luminaria de Soutomaior’ e unha participación no sorteo de tres lotes de produtos de tempada.

Ás 19.30 horas arrancará o Cortexo das Ánimas e a Santa Compaña, un pasarrúas familiar que percorrerá o traxecto entre a Praza de Cima de Vila, a rúa Xosé Solla e Talo Río, coa participación de agrupacións e propostas vinculadas á tradición galega. A organización anima a asistir con velas, cirios, farois ou calacús iluminados e con vestimenta tradicional ou escura.

Xa en Talo Río, ás 20.15 horas, abrirá a exposición veciñal de Luminarias de Ánimas, acompañada dun tren asador de castañas. A noite continuará co espectáculo Esqueletes bailade, de Animar-T, entre as 20.30 e as 22.15 horas, e co túnel do medo O Calacú Máxico e a Fronteira do Alén, de Miúdos Animación, de 21.00 a 23.00 horas. Esta última proposta contará con acceso gratuíto por quendas organizadas cada 15 minutos, ata completar o aforo.

A programación do sábado pecharase cunha actividade específica para a mocidade: o rastrexo nocturno ‘O Espertar do Alén’, na finca Cafexo-Massó, en Soutomaior, de 23.00 a 02.00 horas. Dirixida a mozos e mozas de 12 a 17 anos, ofrecerá unha experiencia de enigmas, retos e traballo en equipo inspirada nas criaturas e lendas da mitoloxía galega. Haberá 50 prazas.

Unha experiencia nocturna para o público adulto

O domingo 1 de novembro, de 18.30 a 21.00 horas, a finca Cafexo-Massó acollerá O que ten cú ten medo II, unha experiencia inmersiva gratuíta dirixida exclusivamente a persoas maiores de 18 anos. A actividade aproveitará a contorna natural, a iluminación, os efectos sonoros e a ambientación escénica para crear unha proposta de misterio e tensión inspirada no imaxinario do alén galego. Contará con 50 prazas.

Escaparates de Samaín para impulsar o comercio local

Dentro da campaña ‘EU QUERO LOCAL’, o Concello pon en marcha ‘Escaparates de Samaín 2026’, unha iniciativa destinada a implicar os comercios e establecementos hostaleiros na ambientación das rúas de Arcade e Soutomaior. Os negocios interesados poderán participar individualmente ou en colaboración con establecementos próximos, decorando os seus escaparates e espazos entre o 24 de outubro e o 1 de novembro, ambos incluídos. A campaña inclúe o sorteo de oito vales de 50 euros, por un importe total de 400 euros, para gastar no comercio e na hostalería do municipio. Ademais, todos os establecementos participantes recibirán un distintivo identificativo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará