Hoxe é Venres 23 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela no camiño impulsa o comercio local cunha feira que combina compras, gastronomía e historia

posots feira

Redondela prepárase para celebrar os días 23 e 24 de outubro a feira comercial Redondela no Camiño, unha iniciativa que busca dinamizar o comercio local, favorecer a interacción entre os establecementos e a clientela e poñer en valor a historia comercial da vila. A proposta combinará unha feira con postos de venda, unha ruta comercial con máis de 40 negocios participantes e unha ruta gastronómica ademais dun concurso a través do “Pasaporte redondelán”.

A iniciativa da Asociación de empresas de Redondela nace coa intención de converter as rúas da vila nun espazo de encontro arredor do comercio, a gastronomía e a historia, vinculando esta actividade coa identidade e a tradición da vila. Unha evolución natural da tradicional feira de oportunidade que se enriquece con propostas máis amplas e cunha novidade especial como é o Pasaporte Redondelán, unha ferramenta de participación coa que se pretende incentivar os percorridos polos negocios adheridos.

A organización do evento viuse condicionada polas dificultades para dispoñer do emprazamento inicialmente previsto. Segundo lembra a técnica da Asociación, Julia Alonso, a proposta inicial pasaba por instalar a feira no aparcamento de Vilavella, pero a negativa do Concello a ceder este espazo obrigou a buscar unha localización alternativa e a reformular a distribución das actividades. Finalmente, o espazo feiral situarase na rúa Ribeira e na praza da Constitución, con postos destinados aos comercios participantes. Os expositores ofrecerán propostas comerciais, artesanais e gastronómicas durante as dúas xornadas, en horario continuado de 10.00 a 20.00 horas.

O segundo eixe de Redondela no Camiño será a ruta comercial, na que participarán máis de 40 establecementos. Os negocios implicados desenvolverán actividades e accións de interacción coa clientela, ademais de incorporar decoración temática vinculada á celebración.

O obxectivo é ir máis alá da compra convencional e ofrecer unha experiencia que permita descubrir os establecementos, coñecer os profesionais que están detrás deles e recoñecer o papel do comercio de proximidade na historia e na vida cotiá da vila.

A terceira pata do programa será a ruta gastronómica, que reunirá restaurantes, cafés, taperías, pizzerías e outros establecementos hostaleiros arredor dunha proposta común: dar a coñecer as elaboracións que identifican cada negocio.

Animan tamén dende a organización a participar no concurso que inclúe o “Pasaporte Redondelán” e que servirá para animar á cidadanía a percorrer os negocios participantes.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará