A Federación de ANPAS de Redondela organiza unha nova actividade cultural e educativa dirixida ás familias, co obxectivo de fomentar a igualdade, a corresponsabilidade e a cooperación desde a infancia. Baixo o título «Contos vellos, novos finais», a proposta, da man de Caxoto – A Trastenda dos Contos, celebrarase o domingo 25 de outubro, ás 18:00 horas, no Multiúsos da Xunqueira con entrada de balde. A entrada é de balde, pero compre reservar praza previamente a través de WhatsApp no número 651 614 830.
«Contos vellos, novos finais» é unha proposta educativa dirixida ao alumnado de educación infantil que revisa os contos tradicionais desde unha perspectiva actual, promovendo valores de igualdade, corresponsabilidade e cooperación. A través de historias nas que os personaxes comparten responsabilidades, rompen estereotipos de xénero e destacan a importancia dos coidados e do apoio mutuo, a actividade busca transmitir valores fundamentais para construír unha sociedade máis igualitaria.
A través da narración oral e da imaxinación, as nenas e os nenos poderán descubrir que os contos de sempre tamén poden ter finais diferentes e que a colaboración, o respecto e o reparto das responsabilidades son fundamentais na convivencia.
A iniciativa forma parte das actuacións impulsadas pola Federación de ANPAS de Redondela para promover actividades de lecer educativo e sensibilización en igualdade, ofrecendo ás familias espazos compartidos de aprendizaxe e diversión.
A actividade está financiada pola Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, en desenvolvemento do Plan Corresponsables, no marco da liña de axudas económicas ás asociacións de nais e pais para o desenvolvemento deste programa.









