A SAR OPMobility levou a vitoria nun partido de alto ritmo ofensivo ante o Bueu Atlético BM. Despois dunha primeira metade igualada nos primeiros minutos, os redondeláns conseguiron abrir unha vantaxe de catro goles antes do descanso (18-14). Na segunda parte, o Bueu chegou a situarse a un tanto, pero a SAR reaccionou e acabou pechando o encontro cun claro 41-31. Na próxima xornada, o equipo visitará o Balonmano Atlántico, un rival que aínda non perdeu ningún punto.
Na Segunda Autonómica masculina, a SAR Globalmar sumou un novo triunfo ao gañar por 28-33 na pista do Balonmano Rasoeiro. A pesar de comezar por detrás no marcador, os redondeláns reaccionaron cun parcial de 0-7 e chegaron ao descanso cunha vantaxe de cinco goles (14-19). Na segunda metade souberon manter as distancias para asegurar a vitoria e seguir invictos. Na próxima xornada recibirán o UB Lavadores na Bomboneira.
A nota negativa chegouna División de Honra Prata feminina, onde SAR Rodavigo caeu por 23-26 ante o Balonmano Leganés na Bomboneira, nun encontro moi igualado que se decidiu nos minutos finais. As redondelás competiron de ti a ti cun rival chamado a pelexar polos postos altos da clasificación. A igualdade mantívose durante boa parte da primeira metade, pero as madrileñas aproveitaron os últimos minutos antes do descanso para coller unha vantaxe de dous goles (12-14). Tras a reanudación, a SAR reaccionou e conseguiu empatar o encontro (14-14, min. 32), mais o Leganés soubo manter unha pequena renda ata o final para levarse a vitoria. Na próxima xornada, as xogadoras da SAR afrontarán un derbi galego ante o Asmubal Meaño no pavillón de Coirón.
SAR Impernoroeste tamén caeu por 34-26 na súa visita ao Balonmano Xiria, no encontro que supuxo o debut ligueiro das redondelás. As locais dominaron desde o inicio e marcharon ao descanso cunha vantaxe de catro goles (16-12), que ampliaron na segunda metade. O próximo compromiso das xogadoras da SAR será na Bomboneira ante o Balonmano Abegondo.









