Hoxe é Mércores 28 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A historia de Humberto Baena protagoniza os actos polo Día das vítimas do franquismo en Redondela

baena

Flora Baena, irmá de Xosé Humberto Baena, un dos últimos asasinados polo franquismo no ano 1975, ofrecerá unha conferencia este venres ás 19:00 horas na Oficina de Turismo. A actividade forma parte dos actos organizados dende o Concello de Redondela co gallo do Día de homenaxe aos represaliados do franquismo. Un programación que se completa coa representación teatral da obra “Melón Pelado!” o 2 de novembro no Auditorio do Piñeiral para o alumnado do IES Chapela.

O 31 de outubro é o Día de Recordo e Homenaxe a todas as vítimas do golpe militar, a Guerra Civil e a Ditadura franquista en España. O Concello de Redondela organiza unha programación especial co gallo desta conmemoración co obxectivo de manter viva a memoria histórica, honrar ás vítimas e concienciar ás novas xeracións sobre a importancia da xustiza e a dignidade democrática.

O acto central terá lugar este venres, 30 de outubro, ás 19:00 horas, nas instalacións da Oficina de Turismo (Rúa Isidoro Queimaliños, 2). Baixo o título “Que pasou con Humberto Baena?”, a xornada contará co testemuño de Flora Baena, irmá de Xosé Humberto Baena Alonso. O mozo, de orixe galega e tan só 24 anos, foi un dos últimos cinco executados polo réxime de Franco o 27 de setembro de 1975. Durante o encontro, afondarase na loita incansable da súa familia por limpar o seu nome e reivindicar a memoria dos represaliados.

A programación continuará o luns, 2 de novembro, cun enfoque educativo e cultural. O Auditorio do Piñeiral acollerá a representación da obra de teatro “Melón Pelado!”, unha función dirixida ao alumnado do IES Chapela. Esta peza afonda directamente nas consecuencias da ditadura, abordando desde a sensibilidade as vivencias das persoas represaliadas e o impacto do silencio. A través dunha linguaxe adaptada ao público xuvenil, a obra funciona como unha canle de debate sobre os dereitos humanos e o respecto democrático.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sinalou que estas actividades responden a un “compromiso ético e democrático inquebrantable” do Goberno local coa memoria. “É un deber institucional romper o silencio, reparar a dor de tantas familias que foron esquecidas e, sobre todo, poñer luz sobre episodios tan escuros da nosa historia recente. Non se trata de abrir feridas, senón de pechalas con xustiza, verdade e dignidade”, afirmou a rexedora.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará