Hoxe é Xoves 29 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Alexandre Bóveda protagoniza o III Foro da Memoria histórica de Soutomaior

foro memoria

O encontro, baixo o lema «Recuperar para construír», celebrarase os días 7 e 8 de novembro cunha programación que busca afondar no legado político, económico e pedagóxico de Alexandre Bóveda e abrir un espazo de reflexión colectiva sobre a memoria democrática de Galicia e a súa vixencia na sociedade actual. O programa inclúe visitas a Illa de San Simón, mesas de debate e espectáculos de danza.

O foro reivindica tamén un fito da historia democrática do municipio: Soutomaior foi o primeiro concello de Galicia en dedicarlle unha rúa a Alexandre Bóveda, en 1979, nun acto de valentía e compromiso coa recuperación da memoria do galeguista.

A programación comezará o sábado 7 de novembro cunha visita guiada á illa de San Simón e San Antón, baixo o título «Lugares de Memoria», conducida por Soledad Chayán. A actividade desenvolverase entre as 10.00 e as 13.00 horas, con saída en barco desde Meirande. Unha actividade gratuíta que compre de inscrición previa en liña antes do 4 de novembro.

Pola tarde, ás 19.00 horas, o auditorio do Multiúsos de Arcade acollerá a mesa redonda «O cerebro esmagado», unha proposta que empregará un xogo da oca xigante como ferramenta para abordar o legado político, económico e pedagóxico de Bóveda e a represión de 1936.

O encontro estará moderado pola xornalista María Obelleiro e contará coa participación de Aldara Cidrás Fuentes, doutora en Historia e membro de Histagra-USC; Carlos Babio Urkidi, investigador e presidente da CRMH da Coruña; Noemí Moreira Cousido, directora do CEIP Plurilingüe Alexandre Bóveda; David Otero Fernández, mestre, poeta e activista cultural galeguista, e Guillerme Pérez, representante no Consello de Memoria Democrática.

O domingo 8 de novembro, ás 12.00 horas, a Casa do Concello acollerá o acto institucional «A Rúa da Dignidade», que lembrará a decisión adoptada en 1979 de dedicarlle unha rúa a Alexandre Bóveda. A xornada incluirá unha contextualización histórica, unha lectura inspirada nas últimas cartas do galeguista, a cargo do escritor e narrador Celso Fernández Sanmartín “Celsiño”, unha ofrenda floral e un peche con música ao vivo e un petisco para as persoas asistentes.

O foro concluirá ese mesmo día, entre as 18.30 e as 19.30 horas, no Multiúsos de Arcade, co espectáculo de danza contemporánea «Domitila», creado e interpretado por Amparo Martínez Paz, con dramaturxia de Afonso Becerra. A peza aborda a reclusión e a resistencia a través da linguaxe do corpo e da expresión escénica.

Con esta terceira edición, o Concello de Soutomaior reafirma a súa aposta pola recuperación e divulgación da memoria histórica, cun programa que combina investigación, reflexión crítica e expresión artística para manter vivo o legado de Alexandre Bóveda e promover unha sociedade máis consciente da súa historia.

O alcalde, Manu Lourenzo e a concelleira de Memoria Histórica, Silvia Cernadas, destacaron na presentación do Foro a importancia de manter viva a memoria de figuras como Bóveda e de achegar o seu pensamento ás novas xeracións. «A memoria histórica non pode quedar nun exercicio de lembranza do pasado. Temos que coñecer o que aconteceu, recoñecer as persoas que sufriron a represión e comprender que os valores polos que loitou Alexandre Bóveda seguen tendo plena vixencia».

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará