A Oficina de Turismo de Soutomaior pecha a tempada 2026 con 28.814 persoas atendidas, case un 20 % máis que o ano pasado. Os visitantes proceden de 70 nacionalidades diferentes e son cada vez máis o número de persoas que elixen tamén este concello para pernoctar.
A Oficina de Turismo de Soutomaior pechou a tempada 2026 cun novo récord histórico de visitantes. Por cuarto ano consecutivo, o servizo superou as cifras de atención do exercicio anterior e alcanzou un total de 28.814 persoas atendidas, case un 20 % máis que en 2025, cando xa se rexistrara a maior afluencia da súa historia con 24.278 visitantes.
A evolución dos últimos anos reflicte o importante crecemento da actividade: das 631 persoas atendidas no verán de 2022 pasouse ás máis de 28.800 desta última tempada.
A oficina prestou atención ao público dende o 1 de abril ata o 15 de outubro, atendendo a un perfil de persoas usuarias moi vinculado ao Camiño Portugués de Santiago. A maioría son peregrinas e peregrinos que visitan por primeira vez a provincia de Pontevedra. A procedencia é maioritariamente internacional, agás nos meses de xullo e agosto, e abrangue máis de 70 nacionalidades diferentes. Estados Unidos, Portugal e Alemaña son os países máis habituais, aínda que tamén destaca a presenza de visitantes de Latinoamérica e Asia.
Durante os meses de verán predominan os grupos de peregrinos procedentes doutras comunidades españolas, especialmente de Andalucía, Madrid e Valencia. Pola contra, o visitante internacional adoita viaxar en grupos reducidos ou individualmente. Outro dato destacado é que arredor do 60 % das persoas atendidas son mulleres.
Setembro foi o mes de maior afluencia, seguido de xullo e xuño. Estes datos confirman tamén o efecto desestacionalizador do Camiño de Santiago, que mantén a actividade turística máis alá dos meses centrais do verán. De feito, a previsión a partir dos datos da primeira quincena sitúa outubro como o segundo mes con maior número de atencións, só por detrás de setembro.
Desde o Concello destacan tamén o aumento das persoas que deciden pernoctar en Soutomaior, unha tendencia especialmente positiva para a economía local. Neste sentido, Silvia Cernadas sinalou que «é unha magnífica noticia que, grazas ao traballo de todas e todos, esteamos conseguindo un maior nivel de pernoctacións no concello». A concelleira agradeceu expresamente a implicación dos establecementos de aloxamento e dos comercios «polo seu nivel de fidelización e especialización no ámbito xacobeo».
A edil incidiu en que o obxectivo municipal vai máis alá de ofrecer información turística: «Non queremos unicamente atender as persoas que chegan a Soutomaior, queremos conseguir que a súa experiencia sexa tan boa que queiran volver, que repitan e que recomenden Soutomaior como destino turístico».









