A peza de Butaca Zero rescata a historia de miles de mulleres que foron rapadas e represaliadas durante a Guerra Civil e a ditadura franquista. A actividade forma parte do programa estatal “50 anos de España en liberdade” e permitiu ao estudantado da parroquia coñecer esta parte da nosa historia a través da representación que tivo lugar na xornada de onte no Multiúsos do Piñeiral.
A cita inscríbese dentro da programación de memoria histórica organizada do Concello de Redondela e forma parte do programa estatal ‘Celebración dos 50 anos de España en liberdade’. Unha iniciativa para conmemorar o medio século do final da ditadura e achegar a memoria democrática á mocidade galega a través de formatos artísticos.
A peza, unha creación orixinal da compañía ButacaZero, combina a narración oral, teatro de obxectos e o formato documental para rescatar a historia de miles de mulleres que foron rapadas e represaliadas durante a Guerra Civil e a ditadura franquista. Tras a posta en escena, celebrouse un coloquio posterior no que o alumnado do IES Chapela manifestou o seu interese tanto pola historia como polo desenvolvemento da propia obra teatral. Os estudantes participaron de xeito activo no espazo de debate, compartindo as súas impresións co elenco, a dramaturga Esther F. Carrodeguas e o director Xavier Castiñeira,
A actividade contou coa participación do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Alfonso Lago Ferreiro e da alcaldesa, Digna Rivas quen destacou o compromiso firme de Redondela coa “educación en valores e a xustiza social”, sinalando que achegar este tipo de contidos á mocidade a través da arte é indispensable para que a historia non se repita.









