A Federación de ANPAs de Redondela, no marco da Escola de Nais e Pais, organiza o vindeiro xoves 5 de novembro un obradoiro gratuíto dirixido ás familias para abordar os retos da puberdade e a adolescencia. A actividade desenvolverase de 17:30 a 19:30 horas no IES Pedro Floriani de Redondela e estará coordinada por unha profesional especializada, que achegará ferramentas e criterios prácticos para afrontar algunhas das situacións máis habituais na convivencia familiar.
Como establecer límites sen caer en discusións constantes? Como acompañar as fillas e os fillos cando parece que todo o que lles dicimos lles molesta? Como xestionar o uso dos móbiles e das redes sociais? Estas son algunhas das cuestións que se tratarán durante a sesión, na que tamén se reflexionará sobre a comunicación familiar, os conflitos cotiáns e os cambios propios desta etapa.
O obradoiro está aberto a todas as familias, independentemente da idade das súas fillas e fillos, xa que os temas que se abordarán están presentes ao longo de todo o proceso de crianza. O obxectivo é ofrecer un espazo de encontro, reflexión e aprendizaxe compartida que permita ás nais e aos pais afrontar con maior seguridade os desafíos educativos do día a día.
Ademais, a organización porá á disposición das familias un servizo gratuíto de ludoteca ou conciliación, que deberá solicitarse previamente.
A participación na actividade é gratuíta. As familias interesadas poden consultar os detalles e realizar a inscrición a través da información recollida no cartel da convocatoria.









