Hoxe é Luns 2 de Novembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O pleno de Redondela rexeita a proposta do PP para corrixir as deficiencias de Salgueiral

salgueiral

Obras no Salgueiral para corrixir o estado do firme

O grupo municipal do PP de Redondela lamenta que o pleno rexeitase a súa proposta para corrixir “as numerosas deficiencias” que presentan as obras de humanización e mellora de Salgueiral, nas que se investiu preto dun millón de euros. Os populares consideran que o goberno local ignorou as demandas dos residentes e repróchanlle que non queira reunirse con eles para escoitar os seus problemas.

A moción, defendida por David Muíños, recollía as queixas trasladadas polos propios veciños tras manter un encontro co grupo popular. O PP reclamaba a redacción dun proxecto integral que permitise emendar os defectos da actuación e garantise a accesibilidade, a mobilidade e a funcionalidade de toda a contorna.

David Muíños, PP

Pola súa banda, AER fixo autocrítica e recoñeceu que o proxecto non estivo á altura, cualificándoo de «trapallada», especialmente pola elección dun pavimento que non resultaba axeitado para un territorio como o galego. Con todo, asegurou que xa está a piques de rematar a actuación destinada a corrixir os problemas detectados. En canto ás filtracións de auga nos garaxes dos edificios, defendeu que a súa solución corresponde á comunidade de propietarios e non ao Concello.

Roberto Villar, AER

O BNG cuestionou a propia concepción do proxecto e considerou que a actuación non pode cualificarse de verdadeira humanización, xa que, ao seu xuízo, cambiar as beirarrúas e instalar novas luminarias non abonda para transformar o espazo urbano. Os nacionalistas lembraron que tanto PP como PSOE coñecían o proxecto inicial, asinado por Digna Rivas e Javier Bas, e criticaron que fose necesario investir outros 35.000 euros para corrixir os problemas do firme. Tamén lamentaron que, malia o investimento de preto dun millón de euros, non se gañase máis espazo para os peóns.

Xoán Carlos González, BNG

Desde o PSOE defenderon a actuación realizada, que consideran que vai máis alá dun simple asfaltado ou arranxo do firme. Os socialistas sosteñen que se trata dunha intervención de humanización que permitiu gañar espazo para os peóns e aseguraron que xa se está a traballar para corrixir os erros detectados.

Antonio Cabaleiro, PSOE

Na súa quenda, o PP volveu poñer o foco nas deficiencias que, segundo denuncia, seguen padecendo os veciños así como a falta de diálogo co goberno local. Muíños subliñaba como problemas derivados dunha execución deficiente das obras, o uso dunha malla plástica inadecuada, a estreiteza da calzada —que dificulta o cruzamento de dous vehículos— e unhas beirarrúas demasiado estreitas. Tamén advertiu das dificultades de acceso aos garaxes e criticou que a intervención non abranguese toda a zona, deixando rúas como Bidueiro sen ningún tipo de humanización.

David Muíños, PP

Finalmente, a moción presentada polos populares foi rexeitada cos votos en contra de PSOE, AER e BNG.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará