Hoxe é Martes 3 de Novembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Cruz Vermella pon en marcha en Redondela unha escola para avós e avoas educadoras

20261028_100918

O programa ofrece ferramentas para afrontar os retos da crianza actual, desde o uso das novas tecnoloxías ata os conflitos familiares. A actividade está dirixida a persoas que colaborar ou asumen a crianza dos netos e netas e, ademais das clases formativas inclúe tamén apoio psicolóxico.

Os avós e as avoas desempeñan un papel fundamental na educación e no coidado dos netos. Ás veces, o seu apoio permite que os proxenitores poidan conciliar a vida laboral e familiar, pero noutros casos asumen directamente a garda e custodia dos menores. Para acompañalos neste labor, a Cruz Vermella vén de poñer en marcha en Redondela o programa Avós e avoas educadoras, unha iniciativa que busca ofrecerlles formación e recursos para afrontar os desafíos da crianza actual.

Cristina Miranda, psicóloga e técnica do programa

O perfil das persoas participantes é maioritariamente feminino e abrangue idades desde os 50 anos ata máis dos 80. O programa adapta os seus contidos ás diferentes realidades familiares e aborda, entre outras cuestións, cal debe ser o papel dos avós na educación dos menores e como establecer unha relación adecuada cos netos.

Un dos aspectos nos que incide a formación é a adaptación aos cambios xeracionais. Os participantes reciben orientación sobre o uso dos teléfonos móbiles, os riscos das novas tecnoloxías e as redes sociais, así como ferramentas para comprender unha adolescencia moi diferente da que viviron cando criaron os seus propios fillos.

A iniciativa complétase con apoio psicolóxico para axudar a xestionar posibles desencontros entre pais e avós sobre a educación dos menores. Tamén se traballan situacións familiares complexas, como as separacións dos proxenitores, a diversidade sexual ou as condutas aditivas.

A posta en marcha desta formación en Redondela responde a unha demanda das propias persoas usuarias da Cruz Vermella, que trasladaran á entidade o seu interese por recibir preparación específica para afrontar con máis recursos o coidado e a educación dos seus netos.

O programa Avós e avoas educadoras naceu en 2016 coa colaboración da Consellería de Política Social e ten como finalidade ofrecer apoio social ás persoas maiores que exercen tarefas parentais, así como previr a tensión asociada á crianza e ao coidado dos menores. A formación busca combinar a experiencia acumulada polos avós e avoas co coñecemento de novas realidades e ferramentas educativas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará