Soutoxuste e Rande celebrarán o vindeiro 7 de novembro dúas citas que combinan o espírito do Samaín coa tradición do magosto, con actividades para todas as idades, gastronomía e animación. Unhas programacións que inclúen rutas terroríficas e degustación de castañas.
Aínda que a noite máis terrorífica do ano xa quedou atrás no calendario, diferentes colectivos veciñais e asociacións manteñen vivo o espírito desta celebración cunha programación que une a tradición galega do magosto coa ambientación propia do Samaín.
Unha das citas terá lugar en Soutoxuste, onde se celebrará o Magosto-Samaín o sábado 7 de novembro, a partir das 17.00 horas, na Casa do Pobo. A proposta, organizada pola Asociación de Festas do Carme de Soutoxuste, coa colaboración da Asociación de Veciños O Eixo e do Concello, inclúe unha ruta terrorífica nocturna polos camiños do lugar, concursos e un magosto popular.
A programación completarase cun concurso de disfraces, aberto a todas as idades e con premios para as propostas máis orixinais, así como un certame de sobremesas elaboradas con cabaza ou castaña. A festa rematará arredor do lume, con degustación gratuíta de castañas, choripán e bebidas a prezos populares.
Tamén o sábado 7 de novembro, Meirande converterase nun punto de encontro para celebrar o Magosto Popular-Samaín organizado pola Asociación Deportiva e Cultural de Rande. A actividade desenvolverase a partir das 17.30 horas e contará cun obradoiro de cabazas, pintacaras, tatuaxes e xogos populares, especialmente pensados para que os máis pequenos poidan gozar dunha tarde diferente.
A partir das 19.30 horas chegará o momento do magosto popular, con castañas, chourizos, viño novo e refrescos. A celebración contará tamén con queimada e música, nunha xornada que busca reunir veciñanza e visitantes arredor da gastronomía e das tradicións propias destas datas. A iniciativa conta coa colaboración do Meirande, o Concello de Redondela, a Deputación de Pontevedra e a Comunidade de Montes de Cedeira.









