A plataforma SOS Sanidade Pública de Vigo mobilizou este mércores varios milleiros de persoas na protesta que percorreu as rúas da cidade tras saír pasadas as 19:00 horas dende a praza dos Cabalos. Baixo o lema ‘Reconstruír a área sanitaria’, a protesta puxo o foco no incremento das listas de agarda, na falta de profesionais, nos peches de camas hospitalarias e na situación da Atención Primaria, problemas que afectan directamente aos veciños e veciñas da nosa comarca. A plataforma de Redondela, que estivo presente na mobilización, lembra que o vindeiro martes 10 de novembro ás 20:00 horas haberá unha nova concentración diante da Casa do Concello.
A mobilización serviu para reclamar un cambio de rumbo e medidas que permitan recuperar unha sanidade pública galega de calidade, especialmente nunha área sanitaria que atravesa un dos momentos máis críticos das últimas décadas.
Entre as principais reivindicacións figurou o rescate do Hospital Álvaro Cunqueiro, mediante a reversión da concesión para garantir a súa titularidade e xestión integramente públicas. A plataforma tamén reclama a ampliación das camas e dos servizos hospitalarios, coa construción do edificio anexo previsto para alcanzar as 1.265 camas e a restitución das unidades de Coidados Mínimos, Docencia e Investigación e Rehabilitación. Ademais, esixe poñer a pleno rendemento as 422 camas do Meixoeiro e as 117 do Hospital Nicolás Peña.
A recuperación da Atención Primaria foi outra das reivindicación centrais da protesta. SOS Sanidade Pública demanda un incremento do investimento, a redución da temporalidade laboral por debaixo do 8% e a dotación de persoal e infraestruturas dignas nos centros de saúde e nos Puntos de Atención Continuada (PAC).
No ámbito das infraestruturas, o colectivo defende tamén a construción de Centros de Alta Resolución (CAR) en Vigo e no Morrazo, así como a mellora dos recursos sanitarios nesta última comarca. Por outra banda, na área sanitaria viguesa insta á elaboración dun Plan de Ordenación de Recursos Humanos que permita garantir unha asistencia de calidade con recursos públicos suficientes.
Finalmente, a plataforma denuncia a situación dos cupos de Atención Primaria, con axendas que poden superar os 40 ou 50 pacientes por profesional e día, así como a existencia de milleiros de persoas que permanecen durante meses e mesmo anos sen ter un médico ou médica asignada.










