As actuacións na Estrada da Aldea e no Camiño da Capela forman parte do Plan de Investimentos en camiños municipais, e supuxo un investimento de máis de 59.000 euros. O plan contempla un investimento total de 257.000 euros no Viso, incluíndo a reforma e mellora doutras cinco vías da parroquia.
O Concello de Redondela deu por rematadas as obras de pavimentación e mellora en dúas vías do barrio de Soutoxuste: o Camiño da Capela e a Estrada da Aldea. Estas intervencións supuxeron un investimento conxunto de 59.046 euros, dos cales 34.020 euros destináronse á Estrada da Aldea e 25.026 euros ao Camiño da Capela.
No caso concreto do Viso, o investimento total ascende a 257.000 euros, xa que ademais destas dúas intervencións en Soutoxuste, vanse reformar tamén os camiños da Gándara, Lagüiña, Camiño do Eido de Mouriño, Estrada da Nogueira, Camiño da Fresa e Pelourenza.
Os traballos permitiron a renovación total do firme asfáltico, a limpeza de marxes e adecuación da contorna para evitar o deterioro das vías.
As obras incluídas no Plan de Investimentos continuarán a súa execución de xeito progresivo durante os vindeiros meses nas restantes parroquias do municipio, priorizando aqueles camiños que requiren unha intervención técnica urxente para emendar fendas e mellorar a seguridade viaria.









