No ano 1979 o Concello de Soutomaior dedicoulle unha rúa a Alexandre Bóveda
Soutomaior foi o primeiro concello en homenaxear a Alexandre Bóveda dedicándolle unha rúa no ano 1979. Un feito histórico que será lembrado esta fin de semana con diferentes actos enmarcados no III Foro da Memoria histórica que organiza este municipio na fin de semana.
Baixo o lema «Recuperar para construír» a programación busca afondar no legado político, económico e pedagóxico de Alexandre Bóveda lembrando que este municipio foi o primeiro en dedicar unha rúa a “unha persoa que deu a súa vida por Galicia e pola defensa da liberdade”.
O obxectivo das xornadas é abrir un espazo de reflexión colectiva sobre a memoria democrática de Galicia e a súa vixencia na sociedade actual, explica a concelleira de Memoria histórica, Silvia Cernadas.
O foro reivindica tamén un fito da historia democrática do municipio: Soutomaior foi o primeiro concello de Galicia en dedicarlle unha rúa a Alexandre Bóveda, en 1979, nun acto de valentía e compromiso coa recuperación da memoria do galeguista.
A programación comezará o sábado 7 de novembro cunha visita guiada á illa de San Simón e San Antón, baixo o título «Lugares de Memoria», conducida por Soledad Chayán, cuxas prazas están xa esgotadas. Pola tarde, ás 19.00 horas, o auditorio do Multiúsos de Arcade acollerá a mesa redonda «O cerebro esmagado», unha proposta que empregará un xogo da oca xigante como ferramenta para abordar o legado político, económico e pedagóxico de Bóveda e a represión de 1936.
O encontro estará moderado pola xornalista María Obelleiro e contará coa participación de Aldara Cidrás Fuentes, doutora en Historia e membro de Histagra-USC; Carlos Babio Urkidi, investigador e presidente da CRMH da Coruña; Noemí Moreira Cousido, directora do CEIP Plurilingüe Alexandre Bóveda; David Otero Fernández, mestre, poeta e activista cultural galeguista, e Guillerme Pérez, representante no Consello de Memoria Democrática.
O domingo 8 de novembro, ás 12.00 horas, a Casa do Concello acollerá o acto institucional «A Rúa da Dignidade», que lembrará a decisión adoptada en 1979 de dedicarlle unha rúa a Alexandre Bóveda. A xornada incluirá unha contextualización histórica, unha lectura inspirada nas últimas cartas do galeguista, a cargo do escritor e narrador Celso Fernández Sanmartín “Celsiño”, unha ofrenda floral e un peche con música ao vivo e un petisco para as persoas asistentes.
O foro concluirá ese mesmo día, entre as 18.30 e as 19.30 horas, no Multiúsos de Arcade, co espectáculo de danza contemporánea «Domitila», creado e interpretado por Amparo Martínez Paz, con dramaturxia de Afonso Becerra. A peza aborda a reclusión e a resistencia a través da linguaxe do corpo e da expresión escénica.
Con esta terceira edición, o Concello de Soutomaior reafirma a súa aposta pola recuperación e divulgación da memoria histórica, cun programa que combina investigación, reflexión crítica e expresión artística para manter vivo o legado de Alexandre Bóveda e promover unha sociedade máis consciente da súa historia.









