Boa xornada para o balonmán redondelán, con tres vitorias dos equipos da SAR e do Chapela nas competicións autonómicas. A SAR OPmobility protagonizou unha das actuacións máis destacadas ao derrotar na Bomboneira ao BM Línea 21, ata agora único equipo invicto da Primeira Autonómica masculina. Pola súa banda, o Chapela impúxose por un axustado 35-34 ao Bueu, mentres que a SAR Globalmar sumou a súa sétima vitoria consecutiva na Segunda Autonómica masculina.
Na Primeira Autonómica masculina, a SAR OPmobility asinou un importante triunfo por 34-27 ante o BM Línea 21 nun encontro moi disputado. O conxunto redondelán saíu moi enchufado desde o inicio, amosando intensidade e eficacia para coller as primeiras vantaxes no marcador. No minuto 13, a SAR xa mandaba por 10-6, aínda que o equipo visitante reaccionou e conseguiu recortar distancias antes do descanso, ao que se chegou cun axustado 17-16.
Tras a reanudación mantívose a igualdade, cun intercambio de goles que deixou o marcador empatado a 22 no minuto 41. Foi nese momento cando os locais deron un paso adiante, encadeando varias boas accións ofensivas que lles permitiron abrir unha diferenza decisiva. A SAR soubo xestionar a vantaxe nos últimos minutos para pechar o encontro co definitivo 34-27.
Con este resultado, o equipo redondelán convértese no único conxunto que permanece invicto na competición e sitúase na segunda posición da táboa con 10 puntos, os mesmos que o propio Línea 21.
Tamén na Primeira Autonómica masculina, o Balonmán Chapela conseguiu unha importante vitoria na casa ante o Bueu. No Pavillón Municipal Manuel González Soto, os de Chapela impuxéronse por un axustado 35-34 nun encontro que se mantivo igualado ata os últimos minutos.
O partido comezou con máxima igualdade, cun empate a tres goles nos primeiros cinco minutos. Porén, o Bueu conseguiu coller vantaxe e chegou ao descanso cun marcador favorable de 16-19. Na segunda metade, os visitantes mantiveron a diferenza de tres goles durante boa parte do encontro, obrigando aos locais a remar contra corrente.
A reacción do Chapela chegou nos últimos dez minutos. Os redondeláns aumentaron a intensidade e, cando restaban cinco minutos para o final, conseguiron darlle a volta ao marcador cun parcial que os situou por diante por 32-30. O Bueu tentou reaccionar nos instantes finais e volveu apertar na procura de recuperar o dominio do partido, pero os locais souberon resistir para asegurar unha vitoria pola mínima: 35-34.
Este triunfo permite ao Chapela situarse na terceira posición da clasificación, tamén con 10 puntos.
Na Segunda Autonómica masculina, a SAR Globalmar continúa nun excelente momento de forma e sumou a súa sétima vitoria consecutiva na competición. Nesta ocasión, os redondeláns impuxéronse a domicilio ao Balonmán Seis do Nadal, en Coia, por un contundente 25-34.
O encontro non comezou do mellor xeito para os visitantes, que se atoparon cun 5-2 en contra no minuto oito. Porén, o equipo soubo reaccionar rapidamente e, cun bo traballo colectivo, conseguiu darlle a volta ao marcador para situarse por diante por 9-11 no minuto 22. Ao descanso, a vantaxe xa era de tres goles (13-16).
Na segunda metade, a SAR Globalmar mantivo o ritmo e a intensidade, apoiándose especialmente no traballo defensivo para frear os ataques do rival. Pouco a pouco, os redondeláns foron ampliando a diferenza ata alcanzar o definitivo 25-34 e certificar así a súa sétima vitoria consecutiva.
Na próxima xornada, a SAR OPmobility visitará a pista do Balonmán Moaña, mentres que o Chapela se desprazará para medirse ao Club Balonmán Atlántico. Pola súa banda, a SAR Globalmar regresará á Bomboneira, onde recibirá ao CP Lucense.









