O Grupo Delta afronta unha nova etapa de crecemento cun plan de investimentos de 35 millóns de euros destinado a ampliar as súas instalacións, modernizar os seus procesos produtivos e reforzar a súa posición nos sectores aeronáutico e aeroespacial. A compañía, con sede social en Redondela, prevé elevar a súa facturación desde os 60 millóns de euros rexistrados en 2025 ata os 105 millóns en 2027, o que supón un incremento do 75 % en dous anos.
O plan inversor, que se desenvolverá ata decembro de 2027, contempla dúas grandes liñas de actuación. Por unha banda, 27 millóns de euros destinaranse á ampliación das instalacións de Nigrán, mentres que os oito millóns restantes se investirán en melloras produtivas nas plantas de Redondela, Valladares e Illescas (Toledo).
Estas actuacións permitirán incrementar a capacidade industrial do grupo, optimizar os procesos de fabricación e responder ás novas demandas dos mercados nos que opera, especialmente os vinculados á industria aeronáutica e aeroespacial.
O crecemento da actividade tamén terá repercusión directa no emprego. Delta prevé incorporar arredor de 50 profesionais durante 2026 e 2027, que se sumarán aos 256 traballadores cos que conta actualmente. Esta previsión de contratación acompaña a evolución do negocio e o desenvolvemento dos novos proxectos industriais e tecnolóxicos.
Esta incremento do emprego foi un dos asuntos abordados durante a visita da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, ás instalacións de Delta Vigo Peinador, onde puido coñecer a actividade da planta e os principais proxectos de futuro da compañía. A delegación municipal foi recibida polo presidente do grupo, Francisco Puga, acompañado polo conselleiro e director de Fabricación, Víctor Lorenzo, e o director de Calidade, José Ángel Rodríguez.
A innovación constitúe outro dos piares da estratexia empresarial. O grupo participa en diferentes iniciativas de I+D+i orientadas ao desenvolvemento de novas solucións para a industria aeroespacial. Entre elas destacan PEGASO, centrado na ala do futuro; CUVICO, dedicado ao desenvolvemento do fuselaxe do futuro, e ECOMAP, que busca mellorar a eficiencia e a sustentabilidade dos procesos de fabricación.
A compañía mantén tamén unha importante orientación internacional, cunha porcentaxe de entre o 75 % e o 80 % da súa produción destinada aos mercados exteriores. A súa actividade abrangue a enxeñaría de procesos, os bens de equipo e a fabricación de pezas en serie, con especialización nos sectores aeronáutico e da automoción e unha presenza crecente nos ámbitos da defensa e o ferrocarril.
Na actualidade, Grupo Delta conta con tres centros produtivos na área metropolitana de Vigo —Delta Vigo Peinador, en Redondela; Delta Vigo PTL Valladares, en Vigo; e Delta Vigo Aeroestructuras, en Nigrán—, ademais dunha planta en Illescas e unha oficina técnica en Hamburgo (Alemaña).









