A Asemblea en Defensa da Sanidade Pública de Redondela convoca unha concentración diante do Concello para esixir á Xunta medidas que revertan a crítica situación que se vive nos centros de saúde de Redondela, Chapela, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes. A protesta será este martes 10 de novembro ás 20:00 horas.
A protesta denuncia o deterioro da atención sanitaria, marcado polas longas listas de espera, a falta de profesionais e as dificultades para acceder a consultas médicas e de enfermaría.
Entre as principais reivindicacións destacan as demoras de ata 20 días para conseguir cita médica, que afectan a máis de 2.800 persoas, e as esperas de ata 30 días para realizar extraccións analíticas. Tamén se critica a falta de coordinación entre as quendas de médicos e enfermeiros, que obriga os pacientes a desprazarse en diferentes días.
A situación agrávase pola falta de substitucións do persoal sanitario, que obriga os profesionais do centro a cubrir tamén as urxencias de Pazos de Borbén e Fornelos de Montes, reducindo a dispoñibilidade de atención no propio concello.
A protesta alerta, ademais, dun incremento do 30 % das listas de espera no último ano e denuncia a existencia de pacientes pendentes de citación en listas non estruturais ou en denominados «caixóns de espera», o que dificulta coñecer a dimensión real do problema.
Os convocantes advirten de que estas demoras poden provocar atrasos nos diagnósticos, agravamento das enfermidades e un aumento do sufrimento dos pacientes, con consecuencias que poden chegar a ser irreversibles.
Dende a Asemblea fan un chamamento a acudir a esta protesta este martes ás 20:00 horas co obxecto de presionar á administración sanitaria “a inmediata dotación de persoal e melloras no funcionamento dos centros de saúde”.









