Hoxe é Luns 9 de Novembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela FS Rodavigo suma tres puntos antes do derbi da próxima semana contra o Pazos

WhatsApp Image 2026-11-09 at 18.20.41

O Redondela FS Rodavigo e o Pazos FS afrontarán a próxima fin de semana un dos encontros máis agardados da tempada: o derbi, ao que chegarán despois dos seguintes resultados.

Redondela FS Rodavigo 5-4 ADFS Bueu

O Redondela conseguiu unha axustada vitoria nun encontro que tivo emoción ata o final. Os locais tiveron que sufrir para asegurar os tres puntos nun partido no que chegaron a contar cunha vantaxe de tres goles, pero no que a reacción visitante puxo en perigo o triunfo local.

O conxunto redondelán marchou ao descanso cun empate a 1-1, despois dunha primeira metade con ocasións para os dous equipos. Na reanudación, os locais deron un paso adiante e conseguiron ampliar a diferenza ata o 4-1 no minuto 30, un resultado que parecía encamiñar o encontro.

Porén, un momento de relaxación dos locais permitiu ao Bueu meterse de novo no partido. Os visitantes aproveitaron a situación para reducir distancias ata o 4-3 e, nos últimos compases, apostaron polo porteiro-xogador para buscar o empate. O Redondela conseguiu anotar o 5-3, pero o Bueu volveu marcar, establecendo o definitivo 5-4 a falta de apenas 30 segundos. O marcador xa non se movería.

O adestrador, Fer Pitart, cualificou o choque como un partido “de infarto”, no que ambos os equipos dispuxeron de numerosas ocasións. Óscar, Mario, Miguel, Cley e Javier López foron os autores dos cinco goles do Redondela FS Rodavigo.

Con este triunfo, o equipo continúa na parte alta da clasificación da Terceira División Nacional, onde ocupa a terceira posición con 19 puntos.

Os Meigallos FS 6-1 SD Pazos de Borbén FS

 O Pazos non puido coa complicada visita ao pavillón de Os Meigallos, en Sarria. O conxunto caeu ante o líder da categoría. Daniel Crespo marcou o único tanto dos visitantes no minuto 36. O Pazos queda na oitava posición con 15 puntos. 

A próxima xornada traerá un encontro especial: o derbi  ante o Redondela FS Rodavigo, no Pavillón Municipal de Pazos de Borbén.

Preferente

Marín Futsal B 6-3 Campito Chapela FS

 O Campito perdeu na súa visita ao pavillón do Sequelo. Os beretes ocupan a sétima posición con 15 puntos e na próxima xornada recibirán o filial do Redondela FS.

Primeira Futgal FS

Arealonga FS Chapela 5-4 Campito Chapela FS B

O Arealonga impúxose nun axustado encontro disputado no Pavillón Municipal de Chapela. Un triunfo que permite ao equipo situarse na terceira posición da clasificación, con 19 puntos. O seu próximo compromiso será a domicilio ante o CD Beade.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará