Hoxe é Martes 10 de Novembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

SAR Rodavigo non pode co Getasur

899861323_1742162887918631_7846504062565961555_n

Xornada sen vitorias para os equipos redondeláns nas categorías autonómicas de balonmán feminino. A SAR Rodavigo caeu por 19-21 ante o Getasur na Bomboneira, mentres que o SAR Impernoroeste non puido sumar na súa visita ao Porriño (31-26).

Na División de Honra Prata, a SAR Rodavigo non conseguiu facer valer o factor casa e acabou cedendo os dous puntos ante o Balonmán Getasur por un axustado 19-21. O conxunto redondelán comezou con boas sensacións e chegou a coller unha vantaxe de tres goles (6-3), pero as imprecisións en ataque permitiron ás madrileñas entrar no partido e igualar o marcador antes do descanso (10-10).

Na segunda metade, o Getasur aproveitou os desaxustes das locais para abrir unha importante fenda no electrónico. No minuto 45, as visitantes xa dominaban por 13-18, obrigando á SAR a remar contra corrente nos últimos compases. As redondelás loitaron ata o final e intentaron recortar distancias, pero non foi suficiente para evitar a derrota por 19-21.

O equipo terá unha nova oportunidade para recuperar sensacións na próxima xornada, na que viaxará a Valladolid para enfrontarse ao Hand Vall.

Pola súa banda, na Primeira Autonómica feminina, o SAR Impernoroeste tampouco puido regresar con puntos da súa visita ao Balonmán Porriño, onde caeu por 31-26 nun encontro que tivo diferentes fases e no que as redondelás chegaron a ter o triunfo ao seu alcance.

O partido comezou con dominio local. O Porriño conseguiu abrir unha primeira vantaxe de catro goles (8-4) no minuto 18, pero as xogadoras do Impernoroeste reaccionaron cun excelente parcial de 0-5 que lles permitiu darlle a volta ao marcador (8-9, min. 24). A partir dese momento mantiveron a iniciativa e chegaron ao descanso cunha mínima vantaxe (11-12).

Na reanudación mantívose a igualdade, cun intenso intercambio de goles que levou o encontro ata o empate a 22. Porén, nese momento o conxunto conseguiu impoñer o seu ritmo e abrir distancias no marcador ata establecer o definitivo 31-26. A pesar da derrota, o Impernoroeste ocupa a sétima posición da clasificación.

Na próxima xornada, as redondelás recibirán na Bomboneira ao Balonmán Samertolameu, actual líder da categoría, nun novo compromiso esixente.

A nota positiva da xornada chegou na Segunda Autonómica feminina, co triunfo do Balonmán Chapela no derbi redondelán ante o AS Choqueiras, que se resolveu cun marcador de 17-24 a favor das de Chapela.

As visitantes amosaron o seu dominio desde os primeiros compases e conseguiron levar a iniciativa durante boa parte do encontro. Esa superioridade quedou reflectida xa ao descanso, ao que chegaron cunha vantaxe de cinco goles (7-12). Na segunda metade, o Chapela soubo administrar a renda para asegurar unha vitoria por sete goles.

Na próxima xornada, o AS Choqueiras desprazarase á pista do Balonmán Tui, mentres que o Chapela xogará como local no pavillón municipal Manuel González Soto, onde recibirá ao BM Caselas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará