Hoxe é Venres 3 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Un Nadal a ritmo de verbena en Redondela e Chapela con París de Noia e Olympus

WhatsApp Image 2023-12-13 at 14.14.45

O Nadal en Redondela inclúe actividades nas 13 parroquias, parques de atraccións, a visita do Pandigueiro e unha tripla programación de fin de ano coa presenza dalgunhas das orquestras máis grandes de Galicia. O Concello volve a apostar pola Festa de Fin de Ano no Campo da Feira con París de Noia tralo éxito do ano pasado e Chapela terá por primeira vez a súa propia celebración da man da orquestra Olympus no Paseo Marítimo. O público infantil volverá ter o seu propio espazo de festexo coa “Festa Infantil de Fin de Ano” na Praza da Constitución.

A Concellería de Cultura e a Concellería de Infancia e Persoas Maiores únense este ano para presentar unha programación para todos os públicos no que se reflicto o “ADN solidario” de Redondela. Para iso, a concelleira Pilar Martínez explica os 3 conceptos en que xira este ano o nadal redondelán: solidariedade, participación e descentralización.

As actividades comezan o domingo 17 de decembro coa visita de Papá Noel a súa casa instalada na Alameda de Castelao. Poderá visitarse ata o día 24 de decembro en horario de 17 horas a 19:30 horas, salvo en noite boa que o horario pasa a ser de 11 horas a 14 horas. Papá Noel tamén se instalará en en Chapela, na Alameda de Rosalía de Castro, os días 22 e 23 de decembro no mesmo horario de tarde. A alcaldesa, Digna Rivas, destacaba a importancia de levar as actividades a todas as parroquias e descentralizar o nadal. Por iso, do día 19 e ata o 22 este particular personaxe achegarase na súa carroza a todos os recunchos do municipio de 16 horas a 20:30 horas.

Unha das novidades máis salientables deste ano é a visita do Pandigueiro, figura lendaria da tradición galega que por primeira vez baixará das montañas para visitar aos nenos e nenas de Redondela, será o día 23 de decembro. Dende o Concello queren deixar claro que “o Pandigueiro será unha figura tradicional na súa estética e espectáculo, pero que manterá valores modernos para interactuar de forma respectuosa co público”. A alcaldesa, Digna Rivas, adianta que “todas as actividades doutros anos mantense, pero se melloran e se van sumando máis” .

As atraccións infantís estarán instaladas en puntos clave do municipio como a Alameda de Rosalía de Castro en Chapela e a Pista da Xunqueira en Redondela. Este parque contará con karts e outros xogos e sorpresas. Dende o goberno salientan “o aporte da Concellería de Infancia, unha novidade que aportou moita perspectiva a esta programación”.

Ademais, o Tren Turístico repetirá a experiencia do ano pasado e decorarase para a ocasión, aumentando os horarios dos roteiros de Redondela e Chapela. Dos días 26 ao 31 de decembro, e desde o día 2 ata o 7 de xaneiro ofreceranse viaxes de balde con saída dende a Praza de Santiago e a Alameda de Rosalía de Castro.

Continuarán avanzando máis polo miúdo a programación de cara a xaneiro mantendo as “campañas de éxito” como o reparto de xoguetes solidarios en colaboración co comercio local e suman a novidade de obradoiros durante as vacacións escolares para a xuventude, a infancia e os maiores. Unha das datas máis esperadas do primeiro mes do ano é a Cabalgata de Reis que promete ser “a mellor máis grande cabalgata da historia de Redondela”.

Como principal novidade a Concellería de Xuventude inclúe actividades dirixidas especialmente á mocidade a partires dos 13 anos no Espazo Redondela Xove habilitado no Multiusos da Xunqueira entre as que destacan o Manga, Xadrez, Origami e a Defensa Persoal. Os obradoiros para nenos e nenas desde os 3 e ata os 12 anos de idade realizaranse tanto no Multiúsos da Xunqueira como no do Piñeiral de Chapela entre os días 26 de decembro e o 4 de xaneiro en horario de 17.30 a 19.30 horas. Entre as actividades destacan as clases de cociña, sesións de contacontos, manualidades, música e xogos de risoterapia entre outras sorpresas. Estas actividades en horario de tarde compleméntanse cos obradoiros Concilia Nadal que se organizan en horario de mañá nas diferentes parroquias.

Tripla Festa Fin de Ano

Redondela despide o ano por partida tripla con dúas festas para o público mozo e adulto e outras dúas para nenos e nenas.

Na noite do 29 de decembro haberá festa Pre Fin de Ano por primeira vez en Chapela coa orquestra Olympus no paseo marítimo a partires das 22.00 horas. O 30 de decembro será a quenda de París de Noia cun concerto no campo da feira de Redondela ás 22.00 horas.

A Praza da Constitución en Redondela será escenario, o  domingo 31 de decembro, da Festa Infantil de Fin de Ano, actividade chea de música, xogos e actividades para que a rapazada poida despedir o 2023. Será en horario de 11 e 13 horas coa Coca Simona. No mesmo horario e a mesma hora será a de Chapela, na alameda Rosalía de Castro. Non faltarán as badaladas e as uvas para dar a benvida, por adiantado, ao 2024.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará