Hoxe é Sábado 27 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela promociona o coñecemento das parroquias coa publicación de tres novos libros

libro1

Os tres libros, editados por Normalización Lingüística, recollen o patrimonio e a riqueza natural de Cabeiro, Negros e Reboreda. Uns libros que se engaden aos xa publicados sobre Trasmañó, Cesantes e Ventosela e que serán repartidos tanto nos Multiúsos de Chapela e Redondela como nas propias parroquias protagonistas onde está previsto organizar charlas divulgativas cos seus autores Amante Romero, Xosé Couñago e Carlos Rodríguez.

Digna Rivas quixo agradecer “a colaboración desinteresada de Amante, Xosé e Carlos nun traballo que busca poñer en valor o patrimonio cultural, natural e artístico das parroquias redondelás”. Os novos títulos ofrecen un percorrido por Cabeiro, San Estevo de Negros e Reboreda.

Digna Rivas, alcaldesa de Redondela

 “Tres xoias” que contan con portadas realizadas por Ángel Barros “un luxo de portadas” afirmou a alcaldesa quen destacou “a sorte de poder contar cun artista da calidade de Ángel para desenvolver este proxecto que pon de relevo a capacidade creativa, literaria por unha banda e artística por outra, dos nosos veciños”.

Portada de Angel barros

Os tres autores destacaban na presentación “o enorme patrimonio que teñen as nosas parroquias e que, moitas veces, pasa desapercibido” como no caso de Reboreda, –Reboreda: espazos de pedra, músicas de auga– “a cantidade de persoeiros cunha traxectoria histórica máis que salientable con que conta a parroquia e que son grandes descoñecidos da historia de Redondela”, afirmou Carlos Rodríguez.

Carlos Rodríguez, autor do libro sobre Reboreda

Amante Romero, en “Cabeiro, terra de Cesteiros”, pon o foco de atención ha historia da parroquia, os lugares de interese, as festas e o patrimonio “dun recuncho de menos de mil habitantes, pero que para nós, os que nacemos ou vivimos en Cabeiro, é o noso mundo amplo e interminable”.

Amante Romero, autor do libro sobre Cabeiro

O libro sobre a parroquia de San Estevo de Negros é o máis amplo dos tres ao contar con sete rutas, perfectamente marcadas nos gráficos e con códigos QR para poder acceder ao percorrido das mesmas “que permiten que, en camiñadas de dúas horas e media a máis longa, as persoas poidan percorrer toda a parroquia e os seus puntos de interese”, afirmou Xosé Couñago.

Xosé Couñago, autor do libro sobre Negros

Os tres libros, tal e como adiantou a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, serán presentados nas respectivas parroquias en datas que se darán a coñecer “para ser entregados en man ás veciñas e veciños e manter un encontro cos respectivos autores”.

A nova edición de ‘Parroquias de Redondela’ está impresa cunha tipografía de maior tamaño que as tres anteriores “atendendo ás demandas que fixo a veciñanza e posibilitando unha lectura fácil e cómoda para as e os nosos maiores”. Editouse unha tirada de 500 exemplares de cada un dos títulos e poden ser recollidos, de xeito totalmente gratuíto, no multiúsos da Xunqueira de Redondela e no multiúsos de Piñeiral do Crego en Chapela.

Unha presentación que serviu para afondar na historia das parroquias protagonistas. Lembraba Amante como Cabeiro pasou de ser un lugar produtor de wolframio para os carros de combate alemáns a converterse nunha terra na que case todos os seus veciños se dedicaban á elaboración de cestas artesanais “un oficio practicamente desaparecido a día de hoxe”.

Couñago puña o acento na sete rutas que nos permiten percorrer a parroquia de Negros e achegarnos a súa riqueza arqueolóxica “podemos achegarnos a 36 mámoas e a un bosque cheo de muíños que é un gran descoñecido”. Uns percorridos que veñen detallados no libro e que podemos ampliar a través dos códigos QR achegándonos a información que Couñago ten subido a Internet.

Carlos Rodríguez salientaba a “a carga de personaxes históricos que houbo en Reboreda e que son grandes descoñecidos como a Casa dos Taboas, o xeneral Rubín comandante das tropas galegas, as visitas de Cristino Martos ou Valle Inclán, entre outros”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará