O Concello de Redondela vén de anunciar o adiamento da Gala do Deporte, que tradicionalmente se celebra no mes de decembro, ata o verán do vindeiro ano dada “a actual situación de risco sanitario que fai imposible o seu normal desenvolvemento”, sinalou o concelleiro de Deportes, Nacho González.
A Gala do Deporte “debe ser unha auténtica festa” na que non só se recoñezan os méritos e traballo de deportistas, clubs e asociacións, “senón que o poidan celebrar nunha gala acompañados dos seus familiares e amigos, algo que nestes momentos, coa actual escalada da COVID-19, supoñería un grave risco sanitario”, engade o concelleiro.
En todo caso, apunta a alcaldesa Digna Rivas, “a Gala do Deporte non se suspende, senón que de apraza ata o verán 2021 no que se desenvolverá ao aire libre, nun lugar por determinar, e que no caso de continuar en alerta sanitaria permitiría a súa celebración con todas as garantías”.
Pese ao adiamento da Gala do Deporte, o Concello de Redondela e a Concellería de Deportes que xestiona Nacho González, seguen facendo actos de recoñecemento na Casa do Concello aos e ás deportistas e clubs do municipio polos seus éxitos deportivos nas máis diversas disciplinas.