O pintor expón case un cento de obras, a maior parte paisaxes mariños aínda que tamén atopamos o verde do campo e o gris da pedra nunha mostra que leva por nome “El mar y la mar de cosas”. Como anomalía nun todo integrado por acuarelas, podemos ver algunha obra ao carboncillo nunha mostra que se pode visitar ata finais de mes nas salas do Multiúsos da Xunqueira.
“Para min o mar é a vida, a forza, a enerxía” así explica Eduardo Valladares a importancia do mar na súa obra, onde as paisaxes mariñas, un mar que adoita ser bravo malia trasladar ao espectador unha sensación de paz, forma parte indispensable dos seus cadros. De feito, na exposición do Multiúsos da Xunqueira atopámonos con dúas mostras diferentes que se ubican tamén en espazos diversos. Por unha banda, na sala principal amosa todas esas pinturas onde o azul do mar nos envolve xustamente nun “mar de paz”. Nese conxunto pode ver o visitante un cadro con especial dedicatoria a Redondela: unha Illas de San Simón envoltas en néboa.
Na sala dúas colgan o resto das obras, paisaxes rurais que nos levan a Ourense, Ciudad Real… casas abandonadas, natureza verde que se completa coa imaxe dos seus cans “uns yorshires plasmados a carboncillo que serven para homenaxear aos seus animais domésticos”.
Unha afección pola pintura que arrastra dende moi cativo “aínda non sabía practicamente nin falar e xa quería coller o pincel” e que o leva a explorar practicamente todas as técnicas. Malia ser autodidacta a súa paixón permítelle contar cunha ampla obra que non se restrinxe as acuarelas ou ao carbón, senón que inclúe tamén outros traballos de maior tamaño como os murais nos que traballa xa ao pastel.