Foto da anterior edición // Patry Rivas
Redondela converterase este sábado, 13 de xuño, no punto de encontro do balonmán veterano coa celebración da cuarta edición do Torneo Sarillas Veteranas, unha cita deportiva organizada polo club anfitrión que reunirá a preto de 90 xogadoras procedentes de Galicia, Asturias, Valladolid e Zamora.
O torneo disputarase de maneira simultánea nos pavillóns municipais da Bomboneira e da Marisma, ao longo de toda a xornada. Participarán os conxuntos de Sarillas, Balonmán Chapela, Ferrolterra, Meaño, Langreo e unha selección formada por xogadoras de Valladolid e Zamora, que competirán como equipo conxunto.
Durante toda a xornada haberá animación musical e realizarase un sorteo de rifas para recadar fondos, con numerosos premios cedidos polo comercio local e polas empresas patrocinadoras que colaboran coa iniciativa.
O torneo contará tamén cun emotivo apartado de recoñecementos. A organización renderá unha homenaxe e entregarase un trofeo especial á xogadora de maior idade participante no torneo, en recoñecemento á súa traxectoria e compromiso co deporte.
Desde a organización quixeron agradecer a implicación do tecido comercial e empresarial de Redondela, así como o apoio institucional recibido por parte do Concello de Redondela, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, cuxa colaboración resulta fundamental para a organización e desenvolvemento desta cita.
Os encontros comezarán ás 9.40 horas e prolongaranse ata as 20.10 horas, cun descanso ao mediodía. Os horarios completos poden consultarse no cartel oficial do torneo.
Como peche da xornada, as participantes compartirán unha cea de confraternidade no Restaurante Tábata, que contará coa actuación dun DJ, poñendo o broche final a unha xornada de deporte, convivencia e solidariedade.













