A Asociación Andaina de Persoas con Diversidade Funcional de Redondela presentou este xoves 22 de outubro o I In-Igualables Festival, que se celebrará do 9 ao 13 de novembro no Multiúsos da Xunqueira. No acto de presentación estiveron presentes representantes institucionais do Concello de Redondela, a alcaldesa Digna Rivas e a concelleira Iria Vilaboa.
Baixo o lema “Os ollos de diferente cor miran o mesmo” e co subtítulo “Aprender a convivir dende a diversidade”, esta nova proposta de sensibilización social busca achegar ao alumnado dos centros educativos unha visión real e próxima das capacidades, talentos e logros das persoas con diversidade funcional.
O festival, dirixido principalmente a centros de Redondela, Vigo, Moaña e Soutomaior, reúne testemuños en primeira persoa, obradoiros vivenciais, dinámicas participativas e recursos audiovisuais. O obxectivo é frear prexuízos e estereotipos, fomentar a empatía e a convivencia non excluínte e completar os plans de convivencia dos propios centros. Andaina, creada en 1997 por familias e consolidada como referencia na comarca, traballa desde hai case tres décadas na construción dunha sociedade non excluínte a través de programas educativos, sociais, laborais e de lecer.
Lara Naya, presidenta de Andaina, explicou a orixe e o sentido do novo festival: “Ven un pouco da evolución do FIC Andaina e da demanda dos colexios de Redondela e dos arredores, que estaban pedindo este tipo de actividades. Dentro do ámbito social que ten que realizar Andaina, decidimos presentar un festival onde os escolares se van atopar con diferentes situacións reais e van escoitar de primeira man os retos, os logros e as barreiras que se atopan a día de hoxe as persoas con diversidade funcional. Cremos que a aprendizaxe directa na convivencia, é moito máis importante que calquera outra cousa que poidan ver en vídeo”.
Pola súa banda, a alcaldesa Digna Rivas destacou o traballo diario da asociación: “Dar as grazas, por esta iniciativa e polo traballo que realizan os trescentos sesenta e cinco días do ano”. Sobre o festival, subliñou a súa relevancia para o alumnado: “É moi importante educar xa dende cativos para transformar a sociedade”.
Rivas lembrou que Andaina é “unha asociación que é un referente total” en Redondela e que a maioría do alumnado da vila sabe quen é e o que fai. Valorou especialmente o lema do festival: “Os ollos de diferente cor miran o mesmo. Creo que é algo que temos que gravar na cabeza todos e todas e telo sempre presente”.
Naya detallou que o programa está pensado para captar a atención do alumnado actual, con testemuños, audiovisuais e dinámicas atractivas, e contará con apoio do servizo de lingua de signos aportado polo Concello. Os adultos da asociación serán os encargados da acollida dos escolares, da presentación e do acompañamento dos referentes. Aínda que está dirixido principalmente a centros de primaria, FP e ciclos formativos, poderá asistir público xeral se hai aforo dispoñible.
Programación completa do I In-Igualables Festival
O festival reúne testemuños en primeira persoa, obradoiros vivenciais e recursos audiovisuais ao longo de catro xornadas. O luns en Redondela participarán tres referentes ligados ao movemento pola educación non excluínte. Antón Fontao, activista e autor do libro Uno más: nada menos. Diario de una resistencia ignorada, falará da exclusión que viviu no sistema educativo. Indira Martínez, tamén activista e recoñecida a nivel nacional e internacional (participou en foros das Nacións Unidas), abordará a accesibilidade nos transportes públicos e a súa experiencia persoal. Raúl Aguirre, activista madrileño pola vida independente e os dereitos das persoas con discapacidade intelectual, explicará o que é a asistencia persoal e como desenvolveu o seu propio proxecto de vida fóra da familia; ademais, utiliza a arte (debuxo, actuación e relato) como ferramenta de sensibilización.
O martes en Moaña e o mércores en Redondela terán protagonismo Dabiz Riaño e María Gironza, que dirixirán un taller vivencial. Riaño, doutor en Ciencias Ambientais, investigador que traballou no CSIC e en proxectos da NASA, foi diagnosticado de esclerose lateral amiotrófica (ELA) aos 34 anos. Desde entón converteuse nun referente de resiliencia e activismo; o seu documental 7 lagos, 7 vidas relata unha viaxe persoal por Europa e será proxectado. María Gironza, arquitecta especializada en Accesibilidade Universal e impulsora do proxecto Cazapeonzas, desenvolverá dinámicas prácticas para que o alumnado reflexione sobre cando está excluíndo e cando está construíndo contornas non excluíntes.
O xoves chegará o Celta Integra, o proxecto de deporte adaptado e non excluínte da Fundación do RC Celta de Vigo, dirixido a persoas con discapacidade intelectual. Proxectarán un documental conmemorativo e manterán un coloquio cos estudantes da man de Fran Díaz (delegado) e Erick (adestrador), co obxectivo de visibilizar o valor do deporte como ferramenta de autonomía, respecto e convivencia.
O venres pechará DisCamino Vigo, asociación de utilidade pública que naceu da experiencia de Gerardo (persoa xordocega) e o seu amigo Pitillas ao facer o Camiño de Santiago. Hoxe facilitan a práctica da bicicleta adaptada e a realización do Camiño a persoas con diversidade funcional en toda Galicia e a nivel estatal. Se o tempo o permite, poderán mostrar as súas handbikes e manter un coloquio cos participantes do seu núcleo duro.
A Asociación Andaina conta xa cunha ampla traxectoria na organización de eventos de impacto, como o FIC Andaina (festival de cinema sobre diversidade funcional que reuniu arredor de 1.200 persoas) e diversas xornadas de formación. Este novo festival pretende consolidarse como espazo de encontro horizontal no que se aprende desde a experiencia vivida e se contribúe á construción dunha sociedade máis xusta e equitativa.
O In-Igualables conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, dos concellos de Redondela e Moaña e das fundacións Otero Pedrayo/Carmela Martín e Concha Regojo. Máis dunha ducia de centros educativos de Redondela, Vigo, Moaña e Soutomaior xa están confirmados como participantes.
Para máis información ou para sumarse á iniciativa, a asociación pode contactarse a través do correo comunicación@asociacionandaina.com ou no teléfono 698 126 334. A web é www.asociacionandaina.com.










