Hoxe é Xoves 22 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Mon regresa como adestrador do CD Cesantes coa ilusión de consolidar o equipo en Segunda

IMG-20261021-WA0001

Foto de Mon e Cobi

O técnico, que xa dirixiu o conxunto redondelán durante dúas tempadas, estreouse cunha vitoria por 4-6 no campo do Unión Dena CF e afronta agora o seu primeiro partido na casa ante o UDSM Deiro.

O CD Cesantes inicia unha nova etapa no banco coa volta de Mon, un técnico que coñece ben o club e que regresa á Gándara coa ilusión de dar continuidade ao crecemento do equipo. Tras a saída de Raky e Tino, o adestrador asume o reto de consolidar o conxunto na Segunda Galicia, categoría á que ascendeu a pasada tempada.

Mon non é un descoñecido para a familia do Cesantes. Natural de Vilar, xa estivo á fronte do equipo durante dúas tempadas, nunha etapa na que viviu a recuperación dun club que, tras a pandemia, tivo que reconstruír boa parte da súa estrutura. “Cando empecei, xusto despois da Covid, non había practicamente nada. Non había directiva e eran os propios xogadores os que tiraban do carro. Era case empezar de cero”, lembra.

Aquel período deixou unha pegada importante no técnico, que recoñece que marchou coa sensación de ter unha conta pendente co club.

“Nun primeiro momento non tiña pensado adestrar por cuestións familiares, pero recordo a etapa anterior como dous anos incribles e decidín volver”, explica Mon.

O adestrador quixo tamén poñer en valor o traballo realizado por Raky e Tino, aos que atribúe o mérito de coller un equipo nun momento complicado e conseguir devolvelo á Segunda Galicia. Mon considera que os cambios non sempre responden exclusivamente aos resultados e entende esta nova etapa como unha oportunidade para renovar dinámicas e afrontar os retos desde outra perspectiva.

Un equipo novo, con potencial ofensivo e traballo que facer en defensa

Un dos puntos a favor do novo técnico é que coñece a case toda a plantilla, arredor do 80 %, xa que mantivo o contacto cos  futbolistas durante os últimos anos. Para completar esa visión, contará coa colaboración de Cobi, o seu segundo adestrador.

A maioría dos integrantes do equipo móvese entre os 20 e os 23 anos, nun vestiario que, ao seu xuízo, combina boas relacións persoais, ganas de aprender e marxe de progresión. O técnico ve no Cesantes un equipo dinámico e con capacidade para practicar un fútbol vistoso. A súa intención é manter esa vocación ofensiva, aínda que considera necesario mellorar o rendemento defensivo para que o conxunto poida competir con maior solvencia.

O primeiro partido desta nova etapa serviu como exemplo das dúas caras do equipo. O Cesantes impúxose por 4-6 no campo do Unión Dena CF, nun encontro con dez goles no que a capacidade ofensiva dos redondeláns quedou patente.

“Arriba temos pólvora para gañarlle a calquera. Se somos capaces de mellorar defensivamente, non imos necesitar marcar seis goles para gañar”, sinala Mon.

A permanencia, o obxectivo prioritario

“O obxectivo que me marco é manter a categoría”, afirma. O adestrador lembra que a Segunda Galicia é unha competición esixente, na que a presenza de equipos con experiencia e potencial económico obriga a sumar puntos con regularidade. “Parece sinxelo, pero non o é. Hai equipos moi bos e cada partido é difícil”.

Por iso, a súa filosofía é clara: pensar no seguinte domingo e valorar a situación clasificatoria cando avance a competición.

A próxima cita terá un significado especial para Mon, que volverá sentar no banco da Gándara como adestrador do Cesantes. O equipo recibe o UDSM Deiro nun encontro no que buscará encadear a segunda vitoria consecutiva e estrearse con bo pé diante da súa afección.

“Tiña moitas ganas de volver ao banco da Gándara”, recoñece. Mon destaca o ambiente que rodea o equipo e o apoio dunha afección que vive os partidos con intensidade, anima os xogadores e contribúe a crear unha atmosfera especial na casa.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará