A Casa da Cultura de Redondela acollerá este venres 23, ás 20.00 horas, a presentación do libro A ecoloxía social e radical de Murray Bookchin: unha proposta actual, de Floreal M. Romero, nun encontro organizado por Sinha PACA, a Plataforma de Activistas Culturais e Artistas.
A obra recupera e actualiza as ideas do filósofo político e teórico social Murray Bookchin para abordar a actual crise económica, ecolóxica e social, así como os conflitos bélicos, que o autor interpreta como síntomas dun modelo de sociedade baseado no crecemento ilimitado, o consumismo e a desigualdade.
Romero propón reflexionar sobre alternativas como o decrecemento, o comunalismo, o ecoloxismo e o uso liberador da tecnoloxía. O pensamento de Bookchin aposta por unha organización social baseada nos municipios libres, as asembleas veciñais e a autoxestión.
Intelectual e agricultor, Floreal M. Romero combina a reflexión teórica coa experiencia práctica. En 1987 fundou a ecoaldea comunalista Los Arenalejos, en Málaga, e mantén a súa vinculación con iniciativas de agricultura campesiña e grupos de consumo en Francia. Desde hai anos, promove o legado de Bookchin mediante encontros, artigos e publicacións.
A iniciativa pretende abrir en Redondela un espazo de debate cidadán arredor das alternativas ao modelo económico e social actual e das posibilidades de construír formas de vida máis sostibles e participativas.









