Hoxe é Sábado 13 de Xuño de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Máis dun milleiro de persoas saen á rúa en Redondela para defender a sanidade pública

mani4

Máis dun milleiro de persoas participaron esta tarde na manifestación convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Redondela. A marcha partiu desde o centro de saúde da localidade e rematou diante da Casa do Concello, onde os asistentes reclamaron melloras na atención sanitaria e denunciaron a falta de persoal e o incremento das listas de espera.

Ao longo do percorrido, os manifestantes corearon consignas en defensa da sanidade pública e escoitaron diferentes intervencións de pacientes e familiares afectados polas carencias asistenciais.

Entre os testemuños destacou o dunha familia dun mozo con autismo de grao III, que denunciou as dificultades para acceder a unha atención sanitaria continuada. Segundo explicaron, a falta de seguimento por parte dos mesmos profesionais, as demoras nas consultas especializadas e a insuficiente atención en saúde mental teñen consecuencias tanto para o paciente como para as persoas coidadoras.

No manifesto lido ao remate da marcha, a plataforma denunciou a situación dos centros de saúde do municipio e advertiu do deterioro progresivo da atención primaria. Criticaron as demoras para conseguir cita co médico de familia, que aseguran superan en moitos casos as dúas semanas, así como os atrasos na realización de probas diagnósticas.

Os convocantes alertaron tamén de que a situación podería agravarse durante os meses de verán debido á supresión da atención de tarde nos centros de saúde e á falta de reforzos nos servizos de urxencias de atención primaria.

A plataforma insistiu en que as súas reivindicacións están avaladas por datos e informes oficiais e reclamou a cobertura inmediata das vacantes de medicina e enfermaría, a recuperación dos servizos que se prevén reducir durante o verán e unha maior transparencia nas listas de espera.

Entre os asistentes tamén houbo críticas ao anuncio da redución de camas hospitalarias durante o período estival. Consideran que esta medida supón un novo recorte de recursos nun sistema que, segundo denuncian, xa presenta importantes carencias.

Durante a concentración fixouse tamén a atención nas longas esperas para acceder a determinadas especialidades médicas. Os participantes animaron á cidadanía a presentar reclamacións e a participar nas mobilizacións convocadas en defensa da sanidade pública.

A protesta concluíu cun chamamento da plataforma a manter a mobilización social para reclamar unha sanidade pública “digna e de calidade” e garantir, segundo sinalaron, un dereito que consideran fundamental para toda a cidadanía.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará