As nove librarías e editoriais participantes ofrecerán aos lectores un 10% de descontos en todas as compras. Unha festa do libro que se inaugura oficialmente ás 18:00 horas de hoxe e se prolongará ata o vindeiro domingo. Ademais do pregón a cargo da xornalistas Carolina Sertal, ás 18:30 horas terá lugar a representación da obra Alicia a cargo da compañía Pedras de Cartóns e as 19:45 sesión de poesía de micrófono aberto da man de Blanca Trigo.
A Feira do Libro de Redondela reunirá nove librarías de toda Galicia, entre as que se atopan Rosalía e Compañía, Moliere e La Imprenta así como autores e autoras de distintos xéneros literarios e unha programación dirixida tanto ao público infantil como adulto.
Durante os catro días de feira desenvolveranse numerosas actividades culturais e de animación á lectura. O venres será a quenda do espectáculo familiar A bibliotecaria estrafalaria, protagonizado por Cris de Caldas, e dun obradoiro sobre seres fantásticos da tradición galega impartido por David Rodríguez Paz.
A programación continuará o sábado con Os Xogos do Paporrubio, unha proposta lúdica para toda a familia, e cun encontro arredor da evolución da muiñeira e da gaita como símbolos da cultura galega, no que participarán Julio Alonso e a gaiteira Rebeca Carrera ás 19:30 horas.
O domingo, última xornada da feira, os máis pequenos poderán gozar do concerto Brinca Vai, de Paco Nogueiras, así como do obradoiro creativo Isto non é un lobo, conducido por Marc Taeger.
Ademais das actividades programadas na carpa principal, as casetas das librarías participantes acollerán numerosas sinaturas de libros. Ao longo da feira pasarán por Redondela autores como Samuel Ferro, Alba López Paredes, Antonio Tizón, Mav Alonso, Juan Galán, David Gago Sampedro, Isabel Porto ou Silvia de Pablos, entre outros. Tamén estará presente o redondelán Juan Migueles quen asinará o seu libro Calendario histórico de Redondela ás doce do mediodía do sábado.
As casetas das libraría participantes estarán abertas en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas e, como é habitual neste tipo de eventos, os lectores poderán adquirir exemplares cun desconto do 10 %, unha medida que busca incentivar a lectura e apoiar o comercio cultural de proximidade.
Organizada pola Federación de Librarías de Galicia, a cita pretende fomentar o hábito lector e achegar a literatura á cidadanía a través dun programa que combina presentacións, actividades didácticas, música e encontros cos autores.
Así, na xornada de hoxe un dos escritores que se reunirá cos seus lectores será Antonio Tizón quen asinará os seus libros “Madriña” e “Coplas analfabetas” na caseta da libraría Pedreira ás 20:00 horas. Tizón valora moi positivamente este tipo de encontros que permiten coñecer e intercambiar pareceres cos lectores.
Con “Madriña” Tizón pecha a súa serie Sánchez Pereiro cunha obra na que combina suspense, memoria e estética literaria dento dun xénero que el cualifica como “novela mulata”, na que vai máis aló da novela negra tradicional.
Consolidase como referencia da literatura galega contemporánea e é perfecta para lectores amantes do misterio, da narrativa innovadora e da poesía integrada nunha trama familiar e criminal.









