Hoxe é Venres 23 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela prepárase para o seu multitudinario Entroido de Verán con Ráfaga como protagonista

entroidoVeran

A celebración, que terá lugar este sábado 22 de agosto, contará tamén coas actuacións de Monoulious DOP, a tradicional Gala Drag e unha ampla programación infantil. O Concello reforza o dispositivo de seguridade e habilita autobuses especiais desde Vigo, Pontevedra e O Porriño. instalarase un hospital de campaña diante do Concello para ofrecer unha resposta rápida ante calquera incidencia.

Redondela xa ten todo preparado para celebrar este sábado, 22 de agosto, a 27ª edición do seu Entroido de Verán. A música da banda arxentina Ráfaga, autora de éxitos como Mentirosa, será un dos principais reclamos dunha noite que combinará concertos, sesións de DJs, a tradicional Gala Drag e actividades para todos os públicos.

A programación comezará ás 18:00 horas con propostas dirixidas especialmente ao público infantil. A Praza de Ponteareas acollerá unha xincana con inchables, mentres que na Pista da Xunqueira haberá inchables con auga. Ás 19:30 horas, a Praza da Torre será escenario do espectáculo musical A bailar, da compañía Animar-T. Xa ás 21:00 horas, a Xunqueira acollerá a tradicional Festa da Escuma.

A partir das 20:00 horas, a actividade concentrarase tamén no Campo da Feira, onde os DJs Olalla Gonzalezz e Borja Rua serán os encargados de animar o ambiente ata as 21:30 horas. Nese momento dará comezo a Gala Drag.

A música en directo chegará ás 23:00 horas coa actuación de Monoulious DOP, que aseguran “imos preparados porque xa nos avisaron que era un fiestón”.

permanecerá sobre o escenario ata as 00:30 horas. Será entón cando tome o relevo Ráfaga, que ofrecerá un concerto no que repasará algúns dos seus temas máis coñecidos. A actuación prolongarase ata as 2:15 horas.

A última parte da noite estará protagonizada polos DJs Kike Varela e Rodri Vegas, que manterán a música no Campo da Feira ata as 4:00 horas.

Autobuses nocturnos e amplo dispositivo de seguridade

Co obxectivo de facilitar os desprazamentos e fomentar o uso do transporte público, o Concello habilitará un servizo especial de autobuses con conexións de ida e volta entre Redondela, Vigo, Pontevedra e O Porriño. Os servizos con destino a Redondela comezarán a funcionar ás 18:00 horas, mentres que os regresos estarán dispoñibles ata as 06:00 horas.

A elevada afluencia prevista levou o Concello a reforzar o dispositivo de seguridade no que participarán Policía Local, Policía Nacional, Garda Civil e Protección Civil.

O dispositivo contempla controis nos principais accesos ao municipio e na zona da celebración, así como controis de alcoholemia e drogas e outras actuacións preventivas destinadas a garantir a seguridade viaria e evitar condutas de risco.

Segundo explicou o subdelegado do Goberno, Abel Losada, o plan de seguridade permitirá ofrecer unha resposta rápida e coordinada ante calquera incidencia. Ademais, instalarase un hospital de campaña xunto ao Concello, cuxo persoal sanitario manterá contacto permanente co PAC de Redondela para facilitar unha resposta inmediata ante posibles emerxencias.

O Concello lembra tamén que estará prohibida a entrada de recipientes de cristal nos espazos oficiais da festa.

Puntos de atención contra as violencias machistas

O Entroido de Verán contará con dous Espazos de Igualdade destinados á prevención, asesoramento e atención ante posibles agresións sexistas.

O punto fixo estará situado na praza do Concello, xunto ao hospital de campaña, e funcionará desde as 18:00 ata as 02:00 horas. Ademais da atención, ofrecerá actividades de sensibilización para rapazada e familias.

Pola súa banda, un punto itinerante formado por dúas técnicas en Igualdade percorrerá os diferentes espazos da festa entre as 22:00 e as 06:00 horas.

A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, destacou a importancia deste servizo para sensibilizar, especialmente entre a mocidade, sobre a igualdade e o respecto nas relacións. A campaña, lembrou, implica toda a cidadanía e anima a alertar ante calquera comportamento machista, agresión, insulto sexista ou tocamento non consentido.

O recinto será, así mesmo, un espazo libre de violencia machista e contará tamén cun Punto Arcoiris.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, fixo un chamamento á responsabilidade, ao civismo e ao respecto para que a celebración transcorra sen incidentes. A rexedora subliñou a importancia da colaboración entre a cidadanía, os corpos de seguridade, os servizos de emerxencias e Protección Civil para garantir o normal desenvolvemento dunha festa destas dimensións.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará