Hoxe é Sábado 17 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Alén Nós denuncia que a rehabilitación do Convento de Vilavella altera o deseño orixinal do edificio

convento

Fotos: nas últimas horas xa foron retiradas algunhas das xanelas tradicionais

A asociación cultural reclama ao Concello de Redondela e á Dirección Xeral de Patrimonio que supervisen as obras no Convento de Vilavella e esixan respecto á configuración histórica das carpinterías, divididas en cuadrículas. Alertan de que os traballos de rehabilitación neste edificio, que se está a acondicionar para convertelo nun complexo hoteleiro vinculado ao Camiño de Santiago, están a substituir as xanelas tradicionais por novos paneis lisos, sen divisións, o que está a alterar o deseño orixinal e a comprometer a harmonía arquitectónica deste conxunto patrimonial do século XVI.

Desde Alén Nós consideran que a recuperación funcional do convento, un dos elementos patrimoniais máis destacados do municipio e unha referencia visual no acceso á vila, non pode xustificar a modificación ou simplificación dos seus elementos arquitectónicos característicos. A asociación defende que calquera intervención debe respectar estritamente a integridade tipolóxica do inmoble e a súa memoria histórica.

Segundo advirte o colectivo, os traballos nas fachadas están a deixar un resultado que suscita un profundo desacordo. A instalación de novos marcos con paneis lisos en diferentes vans contrasta coa conservación das carpinterías orixinais divididas en cuadrículas noutras xanelas e balconadas do mesmo paramento.

Para Alén Nós, esta alternancia entre elementos con retícula e outros sen divisións produce un efecto visual desequilibrado e rompe a harmonía, a homoxeneidade e o ritmo arquitectónico que caracterizan as fachadas do convento. A asociación considera que esta modificación do deseño histórico carece de xustificación e cuestiona se os cambios estéticos están recollidos no proxecto de rehabilitación e se existe algún organismo responsable de supervisar o seu cumprimento.

Ante esta situación, Alén Nós fai un chamamento urxente ao Concello de Redondela para que asuma a súa responsabilidade na protección do patrimonio local e actúe de inmediato. A entidade reclama que se esixa á propiedade a conservación e, de ser necesario, a restitución do deseño orixinal en cuadrículas en todas as xanelas e balconadas do conxunto.

Así mesmo, insta o Goberno municipal a intervir ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia para que se exerza un control rigoroso das obras e se comprobe que a intervención respecta os criterios de conservación aplicables ao edificio.

A asociación advirte de que a Administración local non debe permanecer como unha mera espectadora ante posibles alteracións dun dos principais sinais de identidade de Redondela. Ao seu xuízo, a rehabilitación debe garantir a recuperación do inmoble sen desvirtuar os valores arquitectónicos e históricos que fan del unha peza singular do patrimonio da vila.

Alén Nós insiste en que a posta en valor do Convento de Vilavella debe ser compatible coa preservación da súa identidade orixinal e reclama unha actuación inmediata das administracións competentes para evitar que as obras comprometan a integridade formal deste conxunto histórico.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará