Hoxe é Sábado 17 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

«Sabores de Pazos» impulsará un centro de transformación alimentaria e un banco de terras dixital

centro de transformación

Foto: Imaxe dun centro de transformación de alimentos

O proxecto municipal «Sabores de Pazos», seleccionado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, permitirá mobilizar un investimento de 222.000 euros para dinamizar a economía rural a través da creación dun Centro Colaborativo de Transformación de Alimentos en O Pousiño, a posta en marcha dun banco de terras dixital, a adecuación dun espazo municipal de formación en O Cabalo e o desenvolvemento de servizos de asesoramento para impulsar novas empresas, cooperativas e iniciativas vinculadas ao sector primario.

O proxecto  promovido polo Goberno municipal, acadou o posto 18 na clasificación estatal nunha convocatoria á que concorreron 1.223 solicitude de todo o estado, e permitirá desenvolver un ambicioso investimento de 222.000 euros – dos cales 199.800 euros corresponden á axuda estatal proposta, que financiaría o 90 % do orzamento- para apoiar o emprendemento, recuperar terras e crear novas oportunidades económicas no municipio.

Unha das actuacións máis destacadas será a creación dun Centro Colaborativo de Transformación de Alimentos, que se situará nun inmoble municipal de aproximadamente 150 metros cadrados en O Pousiño. Esta infraestrutura permitirá que pequenos produtores e produtoras poidan transformar os seus produtos agrícolas en alimentos elaborados e comercializables, utilizando instalacións compartidas dotadas de equipamento profesional e das correspondentes garantías sanitarias.

Deste xeito, o Concello pretende eliminar unha das principais dificultades que afrontan as pequenas explotacións agrarias: o elevado custo que supón dispoñer de instalacións propias para transformar e comercializar os seus produtos.

Outra das actuacións fundamentais será a posta en funcionamento dun banco de terras dixital, unha ferramenta destinada a identificar parcelas rústicas dispoñibles e facilitar o contacto entre os seus propietarios e as persoas interesadas en desenvolver novos proxectos agrícolas.

O programa completarase coa adecuación dun espazo municipal de formación en O Cabalo, onde se impartirán cursos especializados relacionados coa transformación alimentaria, a seguridade e hixiene dos alimentos, a comercialización e a actividade agroganadeira.

Tamén se desenvolverá un servizo de asesoramento empresarial para apoiar a creación e consolidación de pequenas empresas, cooperativas e iniciativas vinculadas ao sector primario.

Para o alcalde, Luciano Otero Camiña, este proxecto representa unha das apostas estratéxicas máis importantes do Goberno municipal para impulsar o desenvolvemento económico de Pazos de Borbén. A iniciativa responde á necesidade de combater a perda de poboación, recuperar terreos agrícolas actualmente infrautilizados e facilitar que as novas xeracións poidan atopar oportunidades laborais e empresariais sen ter que abandonar o municipio.

A aposta do Goberno local pasa por converter os recursos propios de Pazos de Borbén en oportunidades reais de emprego, emprendemento e desenvolvemento, favorecendo especialmente a participación da mocidade, das mulleres e dos pequenos produtores.

O proxecto tamén permitirá recuperar e poñer en valor instalacións municipais, dotándoas de novos usos vinculados á actividade produtiva e á formación.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

2 respostas

  1. Non entendo os tempos de internet, todo subido na web, pero non se enlaza a información, novas sen continuación.

    Nin idea das bases desta convocatoria do Ministerio, pero o que se propón, non é nada novo. O interesante sería que o Concello de Pazos de Borbén entrase en contacto con outras institucións que xa teñen proxecto en marcha e actívase colaboracións para realizar melloras. Esta ben que se axude economicamente estas ideas comunitarias, pero habería que potenciar e apoiar a comunicación entre idénticas ideas. O Concellon de Pazos de Borbén tamén podería incluír as Concellos da contorna, a Fusquenlla así naceu: “A Fusquenlla é unha iniciativa dos concellos de Cedeira, Cerdido, Moeche, Narón, As Pontes, San Sadurniño e Valdoviño con axuda do Programa Leader-Seitura 22, da Deputación da Coruña e da Consellaría do Medio Rural.”

    https://afusquenlla.gal/

  2. Quedouseme atrás o tema do banco de terras dixital, porque non sería mellor buscar colaboración coa Xunta de Galicia para potenciar ou mellorar o banco de terras existente e non facer unha ferramenta nova para o Concello de Pazos de Borbén e non acabar por facer 313 bancos de terras dixitais, que despois non se van manter e acabarán mortos porque non se calculou os cartos de mantemento da web creada: actualizacións de seguridade, melloras de software, actualización do hardware do proxecto,…

    Non entendo porque non hai colaboración entre administracións, e se non pode ser, por exemplo polo actuar que vimos da Deputación de Pontevedra co Concello de Pazos de Borbén co arranxo da EP2702, pois as los menos que o Concello de Pazos faga a súa plataforma cun estándar aberto, reutilizable e mellorable pola comunidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará