A Fundación Formavigo busca persoas voluntarias para compartir tempo e compañía con persoas maiores en situación de soidade en Redondela acompañándoas a dar un paseo, charlar ou tomar un café. Todas as persoas que desexen unirse como voluntarias, poden inscribirse ata o 26 de outubro chamando ao teléfono 618 133 804 ou enviando un correo a inclusionredondela@formavigo.com.
A Fundación Formavigo está levando a cabo o programa Vida Acompañada, financiado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia dentro das convocatorias do 0,7 do IRPF, para combater a soidade non desexada nas persoas maiores do concello. A iniciativa busca veciños e veciñas solidarias dispostas a dedicar parte do seu tempo para compartir momentos cotiáns pero significativos, como dar un paseo, charlar ou compartir un café con persoas que senten soidade, tanto no casco urbano coma nas diferentes parroquias.
Para garantir o bo funcionamento do programa e dotar ás persoas participantes das ferramentas necesarias, organizaranse dúas xornadas de formación gratuíta para as persoas interesadas. Estes encontros formativos terán lugar os días 27 de outubro e 3 de novembro en Redondela.
A soidade non desexada afecta a unha parte importante da poboación maior e repercute directamente na súa saúde e benestar emocional. Con este proxecto, búscase conectar persoas que desexan ampliar as súas relacións sociais, compartir experiencias e contar con máis apoio no día a día, para romper o illamento social mediante a compañía e a creación de vínculos significativos.
Todas as persoas que desexen unirse como voluntarias e solicitar máis información sobre os horarios e o lugar da formación, poden inscribirse ata o 26 de outubro chamando ao teléfono 618 133 804 ou enviando un correo electrónico a inclusionredondela@formavigo.com. A través deste mesmo contacto, tamén poden solicitar información as persoas maiores interesadas en recibir acompañamento.









