Hoxe é Sábado 30 de Maio de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela prepara as súas alfombras florais para unha nova Festa da Coca

20260528_182048(0)

Redondela comeza xa a ulir a flores. Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, a Festa da Coca fusiona a tradición relixiosa do Corpus Christi coas raíces pagás da lenda da Coca. A procesión da Virxe “A Gabacha”, acompañada pola Danza das Espadas, as Penlas e a Banda de Música Municipal, percorrerá un itinerario convertido nun inmenso lenzo floral elaborado grazas ao traballo colectivo.

Mentres a veciñanza agarda pola madrugada máis especial do ano, as alfombristas levan xa dúas semanas preparando o material. Nas rúas e baixos da vila repítense estes días as mesmas escenas: grupos enteiros debullando tuia, separando pétalos, tinguindo labras (coñecido como viruta) e organizando quendas de traballo para chegar a tempo ao gran día.

O traballo invisible das alfombras

A parte máis visible das alfombras apenas dura unhas horas, pero detrás hai semanas de esforzo. Así o explica Margarita, integrante do grupo de Vilavella, que leva máis de trinta anos participando nesta tradición.

“Todo o mundo ve a alfombra rematada e pensa no bonito que queda, pero o máis duro é o traballo previo. Se non hai xente preparando o material durante días, as alfombras non se poderían facer”, sinala.

Suman arredor de quince persoas, organizadas por quendas segundo a dispoñibilidade. Entre elas hai desde mozos de vinte e poucos anos ata persoas que levan media vida vinculadas á festa.

“É fundamental que a tradición non desapareza. Se desaparece isto, o pobo morre”, resume outra Magdalena.

Precisamente o relevo xeracional é unha das principais preocupacións compartidas por todos os grupos. A maioría coinciden en que a noite da confección segue atraendo moita xente nova, pero non sempre participan nos traballos previos, os máis laboriosos. “Todos queren colocar flor a última noite porque é o máis vistoso, pero antes hai moitísimas horas de preparación”, comentan.

Na Praza coñecida como a de Lenda tamén destacan cada ano os mandalas de cores elaborados a partir dos deseños de Kiko Amoedo, convertidos xa nun dos sinais de identidade deste espazo. As alfombristas veteranas desta praza teñen entre 45 e 80 anos e comparten unha mesma preocupación: garantir a continuidade da tradición.

Un traballo colectivo que reúne xeracións enteiras

Na rúa Isidoro Queimaliños, un dos grupos máis numerosos da festa traballa xa a pleno rendemento. Son máis de cincuenta persoas implicadas entre adultos, nenos e maiores.

“Aquí hai xente que practicamente naceu facendo alfombras”, explican mentres preparan o material. No grupo conviven varias xeracións: desde nenos pequenos que comezaron xogando entre os “coquiños” ata unha veciña de 93 anos que continúa participando activamente.“É unha tradición que pasa de pais a fillos. Os nenos veñen porque veñen as nais, e ao final medran aquí”, relata Susana Ricón.

Nestes días o traballo céntrase na recollida e preparación das flores. Esta fin de semana tocará recoller hortensia, mentres que o luns, martes e mércores estarán centrados no caravel. A noite grande, a do mércores, é cando o grupo medra e as rúas se converten nunha festa.

Tamén destacan o respecto que, en xeral, amosa o público cara ás alfombras, aínda que piden certa precaución nas rúas máis estreitas.

Rúa Reveriano Soutullo: deseño, cor e innovación

Outro dos grupos que xa traballa intensamente é o da rúa Reveriano Soutullo. Alí, entre labra e mimosa, a organización funciona como unha pequena cadea artesanal. Isabel, responsable da alfombra, leva arredor de vinte anos vinculada ao mundo alfombrista e cinco ao fronte desta rúa. Xunto ao seu equipo organiza quendas, materiais e deseños para cubrir unha das rúas máis longas do percorrido. “A alfombra é preciosa, pero leva moitísimo traballo. Hai que coordinar flores, tintes, medidas e deseños. Sen o equipo sería imposible”, explica.

Patricia é unha das encargadas do deseño e da elaboración das plantillas. Conta que o proceso creativo comeza practicamente cando remata a edición anterior. “Paso meses collendo ideas de todo o que vexo. Ás veces inspíranme cousas cotiás. Logo vou facendo os debuxos no iPad e adaptándoos ás proporcións da rúa”, relata.

A rúa Reveriano Soutullo presenta unha dificultade engadida: é longa e estreita, polo que os deseños deben adaptarse para non deformarse de forma visual.

O grupo aposta especialmente pola cor e pola innovación estética, aínda que sempre mantendo referencias á tradición do Corpus e á propia identidade de Redondela. Nos próximos días chegará a flor fresca e comezarán a debuxar as plantillas directamente sobre o chan.

Alfonso XII: unha alfombra feita entre parroquias

Na rúa Alfonso XII o ambiente tamén leva semanas instalado arredor das caixas de tuia, as tesoiras e as longas tardes de traballo compartido. O grupo ronda as vinte persoas e reúne participantes chegados non só de Redondela, senón tamén de Chapela, Ventosela, Reboreda e mesmo Madrid.

Olga, unha das integrantes, leva tres anos participando nesta alfombra. Aínda que é de Chapela, asegura sentirse completamente integrada no grupo. “Pasamos practicamente un mes enteiro aquí todas as tardes. Estamos desexando que chegue a flor, porque agora levamos semanas cortando tuia e é a parte máis dura. Cando chega a flor todo se volve máis alegre e colorido”, explica.

No grupo conviven varias xeracións, desde persoas de trinta e poucos anos ata alfombristas veteranas de máis de noventa: “Temos unha compañeira de 92 anos e segue vindo todos os días”.

A alfombra de Alfonso XII destaca tamén pola diversidade das persoas implicadas. Hai veciñas chegadas doutras parroquias e incluso persoas que regresan expresamente a Redondela para colaborar. É o caso de Lila, redondelá afincada en Madrid, que reserva cada ano estas datas para participar na festa. “Antes viña só o mércores para facer a alfombra porque traballaba en Madrid. Agora que estou xubilada podo pasar máis tempo aquí. Para nós isto é case unha terapia colectiva”, conta mentres continúa debullando tuia.

A preparación da alfombra arrinca varias semanas antes do Corpus. Primeiro chega a tuia enteira, que se corta e debulla manualmente antes de ser clasificada en caixas para o día da confección. O deseño deste ano corre a cargo da deseñadora Ángela Hernández (@theholi.est.hater), aínda que o resultado final continúa sendo un segredo incluso para boa parte do propio grupo. Só as encargadas coñecen as cores e os detalles da composición.

Como en practicamente todos os grupos, a noite do mércores ao xoves é a máis complicada. O tráfico córtase pola tarde e a partir dese momento comeza unha carreira contra o reloxo: marcar os debuxos, perfilar con “coquiños” e colocar a flor antes da mañá. Tamén recoñecen que un dos problemas habituais é a falta de respecto dalgúns viandantes durante a madrugada. “Todos os anos hai que vixiar para evitar que alguén pise a alfombra ou faga algunha trasnada”, lamentan.

A pesar do cansazo, o grupo insiste na importancia de conservar unha tradición que consideran parte esencial da identidade redondelá. “A xuventude ten que implicarse máis. Non só nas alfombras, tamén na Danza das Espadas, nas Penlas e en toda a festa. Se non hai relevo xeracional, perderemos unha parte moi importante do que somos”, reivindican.

Grupo da parroquia de Cesantes

Outro dos grupos é o de Cesantes, encabezado por Maika, que leva máis dunha década representando á parroquia nas alfombras do Corpus. O equipo, formado por 18 persoas encárgase de tres espazos distintos, entre elas a situada diante do Concello e outra fronte ao albergue público.

Os deseños realízanse de maneira colectiva. Actualmente están inmersas no corte da tuia, un proceso que comezou hai aproximadamente dúas semanas. Nos próximos días tocará preparar a mimosa e xa na semana do Corpus chegará a flor fresca.

Ademais do aspecto artístico, o grupo destaca o valor humano destas xornadas previas. “Son días de convivencia. Mentres cortamos a tuia contamos historias, cantamos e pasamos as tardes xuntas. Hai xente que está desexando que chegue esta época do ano para reencontrarse”, explican.

O obxectivo común é rematar as alfombras e desfrutar da festa ao día seguinte xunto ás familias e á veciñanza. “Por moito cansazo que haxa, o importante é gozar dese día e ver a Redondela chea de vida”, conclúen.

A noite máis longa e especial do ano

Cinco grupos de alfombristas traballan xa estes días nas rúas máis emblemáticas do percorrido, entre elas a Praza do Concello, Isidoro Queimaliños, Reveriano Soutullo ou Alfonso XII.

A noite do mércores ao xoves volverá converter Redondela nun enorme taller ao aire libre. Centos de persoas traballarán ata a madrugada para completar unhas alfombras que apenas sobrevivirán unhas horas antes do paso da procesión.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará