Hoxe é Venres 11 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Unha escritura de 1733 convértese no documento orixinal máis antigo do Arquivo Municipal de Redondela

arquivo

Os documentos foron doados por un veciño de Vigo con antepasados na parroquia do Viso quen localizou os textos entre a documentación legada polos seus antepasados. A escritura recolle un acordo entre o Conde de San Román e o presbítero Dionisio de Amoedo polo alugueiro de terras. Os textos foron dixitalizados e transcritos polo persoal do Arquivo Municipal para a súa consulta pública e convértense no orixinal máis antigo dos seus fondos.

Foi o propio veciño –que desexa permanecer no anonimato- quen se puxo en contacto coa Concellería de Cultura logo de comprobar que os manuscritos facían referencia expresa á parroquia do Viso. Tras avaliar o extraordinario interese dos textos para a conservación e difusión do patrimonio local, o Concello e o doador formalizaron o acordo de cesión para que sexa custodiado correctamente.

O texto principal é un contrato foral manuscrito asinado por D. Pedro Miranda Omaña e Osorio, Conde de San Román de Soutoxuste (O Viso), e o presbítero Dionisio de Amoedo, cura da feligresía de Santiago de Arcade. A través deste documento, o conde acordaba co párroco e cos seus futuros descendentes o aluguer dunha serie de propiedades a cambio do pago anual de corenta ducados de moeda de vellón e a entrega dun carro de leña semanal. O texto detalla minuciosamente todas as casuísticas do contrato, estipulando por exemplo que a data de pago anual debía ser o día de San Martiño.

Dixitalizado e transcrito

Grazas a que o Arquivo conta co apoio de Almudena Bouzón, bolseira especialista en Historia Medieval, procedeuse á transcrición dos textos. Deste xeito a cidadanía e os investigadores teñen xa á súa disposición tanto a copia dixital das escrituras orixinais como a súa correspondente transcrición en texto moderno.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, amosou o seu profundo agradecemento por este xesto cidadán e sinalou que “recibir un documento de tanta relevancia é unha honra e unha enorme responsabilidade histórica para o noso Concello. Estes textos son a proba das nosas raíces e da nosa identidade como pobo. Grazas a esta doazón, un patrimonio que estaba gardado nun ámbito privado pasa a ser públicos e de todos os redondeláns e redondelás”.

O Ministerio de Cultura elixe a Redondela para a Comisión Técnica de Arquivos.

Esta histórica incorporación ao arquivo coincide cun momento de gran recoñecemento institucional para o departamento. O Ministerio de Cultura elixiu a responsable do Arquivo de Redondela, Ana Gesteira Ponce, para representar aos arquivos municipais na nova Comisión Técnica de Arquivos de Administración Local (CTAAL). Xunto co arquivo de Lugo é o único representante de Galicia neste órgano, creado para valorar e mellorar a situación dos arquivos de municipios e deputacións. Para o Concello de Redondela é unha honra que o seu Arquivo fose elixido de entre moitos, “o que demostra que o traballo realizado neste departamento municipal serve de referente máis alá das fronteiras da vila”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará