Hoxe é Venres 11 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Últimos días para descubrir “A nosa pequena vila” de Gene Muíños

expo2

Quedan poucos días para visitar «A nosa pequena vila», a singular exposición de Gene Muíños que permite percorrer Redondela a pequena escala sen saír do Multiusos da Xunqueira. A mostra, que reúne máis dun cento de maquetas de edificios, rúas e espazos emblemáticos da vila, poderá visitarse ata o próximo 15 de setembro, cando pechará as súas portas.

Detrás deste minucioso retrato de Redondela en miniatura está Gene Muíños Reboredo, profesor xubilado e afeccionado ás maquetas desde hai décadas. Leva xa 25 anos reproducindo a escala diferentes edificios e espazos da vila, nun labor artesanal que require grandes doses de paciencia, dedicación e atención ao detalle. Non faltan por exemplo os toldos ou cartaces cos nomes de tendas e locais de hostalaría que albergan os baixos de cada inmoble.

De media, cada maqueta supón arredor de dous meses de traballo e varias horas diarias de dedicación. Un proceso que comeza coa documentación e a fotografía dos edificios e continúa coa súa reprodución en tres dimensións, empregando madeira, colas e outros materiais. Unha tarefa minuciosa na que as novas tecnoloxías se converteron tamén nunha importante ferramenta de apoio.

Ferramentas como Google Maps e o Catastro permiten a Gene coñecer medidas, patios, fachadas e recunchos dos edificios, facilitando unha investigación que antigamente esixía moito máis tempo e traballo de campo.

Esta segunda edición de «A nosa pequena vila» dá continuidade á exposición presentada en 2023 e incorpora arredor de 30 novas maquetas, ata superar o centenar. Tras máis de dúas décadas de traballo, Gene conseguiu reproducir boa parte do centro de Redondela, incorporando numerosos detalles que permiten identificar con facilidade os espazos representados: edificios, rúas, mobiliario urbano e mesmo elementos escultóricos.

A colección abriu as súas portas ao público por primeira vez en 2023, animado pola súa muller, Alejandra Pazos. Desde entón, o proxecto non deixou de medrar. Aínda quedan algunhas zonas por reproducir, como o Salgueiral, pero Gene xa adianta que, unha vez rematada esta exposición, as maquetas non volverán saír da súa casa.

Aqueles que aínda non tiveron ocasión de coñecer esta particular Redondela en miniatura teñen agora os últimos días para facelo. O 15 de setembro será a última oportunidade para contemplar no Multiusos da Xunqueira o resultado de 25 anos de traballo, dedicación e paixón por reproducir a vila ata o máis pequeno detalle.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará