Fotos: SEIS Redondela
O lume, que se iniciou contra as sete da mañá deste mércores día 9 calcinou por completo un galpón particular anexo a unha vivenda no lugar de Fixón, na parroquia de Santo Estevo de Negros. Non houbo que lamentar danos persoais, aínda que as perdas materiais son importantes. As causas do incendio están a ser investigadas. Entre as hipóteses que se manexan figura a posibilidade de que o lume se iniciase por un accidente eléctrico ou un curtocircuíto.
O propietario da vivenda foi quen deu a voz de alarma ao chamar ao 112 arredor das 7:05 horas. As lapas propagáronse rapidamente debido á gran cantidade de material acumulado no interior do galpón.
O lume provocou o colapso do tellado de madeira, que acabou por vir abaixo, e o inmoble quedou completamente calcinado.
Ata o lugar desprazáronse efectivos dos bombeiros de Porriño-Baixo Miño, do Servizo de Emerxencias e Incendios de Redondela (SEIS) e do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) de Mos, que traballaron na extinción das lapas e no control do incendio.
Tamén se desprazaron ata a zona axentes da Policía Local e da Policía Nacional.











Unha resposta
Creo que na actualidade o nome do SEIS (antigo Grumir) é SPEIS.
A ver se sacades nova da sentenza xudicial n° 477/2026 (STSJ GAL 4821/2026 – ECLI:ES:TSJGAL:2026:4821) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o tema da creación de bombeiros de Redondela. É raro que unha nova tan importante para o Concello de Redondela non tivese eco en Radio Redondela, quero imaxinar que non haxa presión do Consello de Administración para que non se saque.